A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Hèctor Alòs i Font

Hèctor Alòs i Font é enxeñeiro informático e licenciado en lingüística. Reside en Chuvasia (Rusia) dende o ano 2008.

Actualmente traballa como sociolingüista no departamento de socioloxía do Instituto Estatal Chuvaso de Humanidades (Çăvaş patşalăh gumanitari ăslălăhĕsen instituçĕ) e colabora no desenvolvemento de recursos informáticos para o chuvaso.


Nº3: abril-xuño 2013

Hèctor Alòs i Font
O chuvaso en Chuvasia: exemplo de regresión das linguas medianas en Rusia

Neste artigo descríbese a situación actual do chuvaso, especialmente nas cidades de Chuvasia. Despois dunha presentación de Chuvasia e da súa historia recente, repásase a súa política lingüística, particularmente no marco educativo. Analízanse as distintas causas que contribúen á adopción e perpetuación de opcións claramente inefectivas. Finalmente, resúmense os resultados dun traballo en curso que reflicte os resultados da política lingüística e educativa en Chuvasia.


Versión en PDF



O chuvaso é unha lingua da familia túrquica falada por preto de 1 millón de persoas, principalmente en Chuvasia, unha das repúblicas que forman parte da Federación Rusa, e que está situada a medio camiño entre Moscova e os Urais. Trátase da sexta lingua de Rusia por número de falantes (despois do ruso, tártaro, ucraniano, baskor e checheno). É, xunto co ruso, oficial na República de Chuvasia, que é unha das etnicamente máis homoxéneas de Rusia. Desde principios dos convulsos anos noventa a súa ensinanza é obrigatoria ao longo de toda a escolaridade. Porén, a pesar destas condicións, a súa regresión é evidente: os censos de poboación de 2002 e 2010 amosan unha caída de 1,3 a 1,0 millóns de falantes, é dicir, un 21,4% en oito anos. En Chuvasia, a caída neste período foi do 14,3%. Este traballo pretende presentar a posición desta lingua na República de Chuvasia e apuntar algunhas causas que axudan a explicar a situación actual e a escasa reacción das autoridades e da sociedade civil ao respecto.

Parte dos datos presentados aquí baséanse nunha enquisa que realizamos entre 589 estudantes de bacharelato de 26 centros escolares das distintas cidades de Chuvasia, entre outubro e decembro de 2012. Estas cidades teñen poboacións entre os 9 000 aos 460 000 habitantes. En abril de 2012 fíxose unha proba piloto en tres localidades medias (Alòs i Font 2012). Os resultados son coincidentes con traballos anteriores realizados por investigadores chuvasos nos anos 2009 (Ignat’eva et al. 2009) e 2010 (Ignat’eva et al. 2010),1 aínda que a amplitude do cuestionario, con máis dun centenar de  preguntas, permite ir máis alá dos resultados ata agora publicados. Actualmente, estamos continuando o noso traballo de campo nas 14 capitais de comarca (“rajonnye centry”) non urbanas de Chuvasia e outras 3 poboacións con máis de 5 000 habitantes.

 

1. SITUACIÓN XERAL

A Federación Rusa é un estado cunha poboación duns 143 millóns de persoas. Seguindo a tradición soviética, os cidadáns declaran en distintos documentos oficiais a súa pertenza a unha ou outra “nacionalidade” (“nacional’nost’”); non se permite declararse membro de máis dunha nacionalidade, pero pode non declararse ningunha nacionalidade.  No censo de 2010 o 96% da poboación declarou unha nacionalidade e, entre eles, o 81% declarouse de nacionalidade rusa; o resto dividiuse en case 200 outras nacionalidades.2 Só o 0,5% dos censados eran cidadáns estranxeiros. Os chuvasos, con 1,4 millóns, forman o quinto grupo étnico da Federación, case á par cos chechenos (sexto, tamén con 1,4 millóns). O maior grupo étnico, despois do ruso, fórmano os tártaros, con 5,6 millóns.

A Federación Rusa divídese en 83 “suxeitos federais” (“sub”ekty Rossijskoj Federacii”), que son as unidades básicas da división federal. Estes suxeitos teñen distintas apelacións, segundo o nivel de autogoberno do que dispoñen. Gozan do maior nivel de autogoberno 21 repúblicas que, entre outras capacidades normativas, teñen o dereito de oficializar outras linguas, ademais do ruso, que é a única lingua oficial a nivel federal. Na República de Chuvasia, o chuvaso é oficial desde 1991.

A pesar de que os suxeitos federais son a organización básica de autogoberno, están encadrados en oito distritos federais (“federal’nyj okrug”), unidades de supervisión e coordinación creadas polo presidente Putin no ano 2000. En particular, Chuvasia é un dos 14 suxeitos federais adscritos ao distrito federal do Volga. A este distrito, ademais de Chuvasia, pertencen as repúblicas de Tatarstán, Baskortostán, Mordovia, Mari El e Udmurtia. Nas dúas primeiras son oficiais linguas túrquicas, mentres que nas tres últimas o son finoúgricas. En Chuvasia, limítrofe con Tatarstán, Mordovia e Mari El, en certas vilas existe a posibilidade da ensinanza primaria en tártaro e tamén a de cursar unha materia de tártaro ou mordovo-erziá na primaria e secundaria. Existen importantes minorías chuvasas en Tatarstán, Baskortostán e outros suxeitos  do distrito federal, aínda que a ensinanza en chuvaso e do chuvaso está moi limitada fóra das repúblicas. A metade da poboación de nacionalidade chuvasa vive fóra de Chuvasia.

A comparación de datos demográficos e socioeconómicos de Chuvasia cos dos demais integrantes do seu distrito federal permite dar unha idea máis cabal de cómo é.

Con 1,2 millóns de habitantes nunha superficie de  18 000 km2 (dúas terceiras partes de Galicia), Chuvasia é o suxeito federal máis pequeno e menos poboado dos 14 que integran o seu distrito federal, pero á vez é tamén o máis densamente poboado. Desde o punto de vista económico, o PIB per capita de Chuvasia é un 46,5% da media da Federación e un 64,4% da media do distrito federal. Segundo este indicador, ocupa o 12º posto entre os integrantes do distrito (datos oficiais de 2010).3 Por outro lado, Chuvasia, cun 58,8% de poboación urbana (2010), é tamén a rexión máis rural do  seu distrito federal.

Chuvasia distínguese tamén pola súa relativa homoxeneidade étnica: o 67,7% da poboación declárase de nacionalidade chuvasa. No distrito federal só os tártaros entre as outras minorías nacionais apenas superan o 50% da poboación da súa república e en toda Rusia só en tres repúblicas a principal nacionalidade “titular” (segundo a terminoloxía rusa) goza de maiorías máis amplas: Chechenia e Igusetia (no Cáucaso) e Tyva (limítrofe con Mongolia). Non obstante, a repartición das nacionalidades non é homoxénea entre poboación urbana e rural: só nos anos setenta os chuvasos convertéronse en maioritarios nas cidades (actualmente, son o 52%), mentres que entre a poboación rural son moi amplamente maioritarios (83,5%). Os rusos étnicos forman o 26,9% da poboación e o 85% vive nas cidades.

 

2. HISTORIA RECENTE

A historia recente de Chuvasia distínguese pouco da das repúblicas veciñas.

As súas fronteiras delimitáronse na primeira metade dos anos vinte do século pasado segundo a distribución étnica das poboacións (Ivanov e Klement’ev 2010). En 1926, a súa poboación urbana alcanzaba tan só o 5% da poboación total e só o 11% dos habitantes das cidades eran chuvasos. A capital actual, Şupaşkar (en ruso, Čeboksary), non alzaba os 6 000 habitantes a principios do s. XX. O 99,3% da poboación etnicamente chuvasa de Chuvasia era rural.4 Nese momento, a totalidade da poboación chuvasa falaba chuvaso e a maioría non entendía o ruso, co que tiñan pouco ou ningún contacto.

A codificación do chuvaso foi establecida na segunda metade do s. XIX sobre todo grazas ao labor de Ivan Jakovlev (1848-1930) e da escola que creou para a formación de mestres chuvasos en Simbirsk (actualmente Uljanovsk). O último terzo do s. XIX leva a un florecemento da literatura chuvasa. En 1906 fúndase en Kazan o primeiro periódico en chuvaso.5 Cabe destacar que as dúas cidades que foron os centros culturais, Simbirsk e Kazan, quedaron fóra das fronteiras de Chuvasia cando estas se definiron.

Ao chegar ao poder os bolxeviques, estableceron unha política de “indixenización” (“korennizacija”), que consistía nun sistema de cotas para favorecer o acceso das minorías nacionais á administración e órganos de poder, así como un sistema educativo baseado nas linguas maternas. Desenvolveuse así a ensinanza en chuvaso e o chuvaso foi elevado a lingua oficial, na que na metade dos municipios rurais toda a administración se levaba nesa lingua (Alpatov 2000: 77).6

O cambio de constitución soviética de 1936 e o inicio das purgas stalinistas marcan un xiro copernicano na política que se levaba. A constitución chuvasa de 1937 obviou a declaración de calquera lingua oficial e paulatinamente foi relegándose o uso do chuvaso na administración. Os fusilamentos e condenas a traballos forzados a gran escala implicaron a renovación total da administración e dos cadros do partido, no que os postos clave pasaron a ser desempeñados por rusos étnicos. A represión tamén se cebou en mestres de escola e estudantes (Klement’ev 2001b).

Desde o principio dos anos trinta o poder político empezou a facer presión sobre o modelo de lingua normativa con críticas a escritores polo uso de “palabras chuvasas antigas, fóra de uso, na súa práctica literaria” ou “a fartura de palabras orientais, totalmente incomprensibles para as masas lectoras” (Klement’ev 2001b: 186). Incluso o mesmo secretario xeral do partido en  Chuvasia daba instrucións nas que se indicaba que debían utilizarse en chuvaso palabras “internacionais” (Klement’ev 2001b: 186).

Isto non resultaba trivial para o chuvaso. A modo de exemplo, o chuvaso a principios do s. XX non facía ningunha distinción fonolóxica entre consoantes xordas e sonoras (cousa moi inhabitual nas linguas do mundo). Cabe sinalar tamén que entre as 8 vogais do chuvaso non existía o /o/, que era habitualmente asimilado como /u/ nos préstamos. Tiña harmonía vocálica entre vocais anteriores e posteriores, incluso nos estranxeirismos asimilados ao longo do século XIX. A súa estrutura silábica era basicamente CV con tamén sílabas de tipo V ou CVC, sen permitir dúas vogais consecutivas (cunhas poucas excepcións en rusismos semiadaptados con dobre consoante inicial e un pequeno número de palabras patrimoniais con lema de tipo CVCt). O chuvaso tiña tamén acento tónico regular. En cambio, en ruso (do que, ao fin e ao cabo, proviñan a maioría das palabras supostamente “internacionais”) son habituais ataques e codas silábicas de dúas, tres ou incluso catro consoantes e descoñece calquera tipo de harmonía vocálica. Por se fora pouco, baixo o pretexto que se facilitaba  a ensinanza da ortografía, sucesivas reformas ortográficas aliñaron completamente a ortografía chuvasa á rusa. O uso da ortografía rusa, engadida á presión gobernamental, facilitou a inclusión masiva de rusismos non adaptados ao chuvaso (escritos e normativamente pronunciados exactamente igual ca en ruso), ao cal contribuíron lexicógrafos, filólogos, xornalistas e escritores durante décadas. Así entraron no chuvaso palabras “internacionais” collidas tal cal do ruso como “ministerstvo” (“ministerio”), “pravitel’stvo” (“goberno”) ou “teatr” (“teatro”), que contradín practicamente todas as regras fonolóxicas do chuvaso falado hai 100 anos. Actualmente, é imposible estudar a fonoloxía e a morfoloxía chuvasa sen distinguir as palabras incorporadas despois dos anos trinta do resto.7 Esta invasión de rusismos non adaptados afectou gravemente a autoestima dos chuvasos pola súa lingua, considerándoa pouco adecuada para adopción de novos termos da vida contemporánea.

Ao mesmo tempo, empezou unha lenta, pero inexorable, rusificación da ensinanza. En 1936 pasaron a impartirse exclusivamente en ruso os cursos a partir de 8º, inclusive, que nese momento non eran obrigatorios. A partir de 1938 a ensinanza do ruso pasou a ser obrigatoria a partir do 2º curso escolar e, alí onde xa se impartía, incrementouse o seu número de horas (Klement’ev 2001b: 186-187). En 1960, a ensinanza en ruso pasou a ser obrigatoria a partir de 5º, inclusive (Bojko e Xaritonova 2009: 127). A ensinanza en chuvaso e do chuvaso foi erradicada das cidades (consideradas “rusas”) e da maioría, se non de todas, as capitais comarcais.8 Aos nenos e mozos que ían estudar ás capitais de comarca berrábaselles se os pillaban falando entre eles en chuvaso xa que “o chuvaso ten que quedarse nos límites da vosa vila” (tal como distintos informantes relatan de maneira moi parecida en distintas rexións).  

Sobre todo a partir do final da Segunda Guerra Mundial, empeza unha política de glorificación do ruso (Alpatov 2000: 96-98). Paulatinamente os libros escolares presentan a “potente lingua rusa” como unha lingua de enorme alcance internacional, libremente escollida como lingua de interrelación polos pobos da Unión Soviética, “lingua de amizade e solidariedade”, “a lingua da primeira revolución socialista no mundo”, “unha lingua que se fala incluso no espazo”, “lingua que loita pola paz, a liberdade e o progreso socialista”, etc. (citas extraídas dun libro de texto escolar dos anos oitenta: Baranov et al. 1984: 9-10). Moi acertadamente Kreindler cualificou  esta ringleira de expresións panfletarias de uso obrigado como “glorificación extravagante do pobo ruso e da súa lingua” (Kreindler 1989: 47). Ao mesmo tempo, expandíase unha ideoloxía purista da lingua rusa, que “chegou a gozar dun enorme capital cultural e lingüístico durante as décadas do goberno de Stalin – a pesar da súa orientación decididamente non proletaria, non revolucionaria e non marxista –, capital que se mantivo ata ben entrada a era poscomunista” (Gorham 2010: 138). Este tipo de ideoloxía levou a evitar todo tipo de acentos no ruso e a unha gran nivelación das diferenzas dialectais. Unha das razóns máis recorrentes que dan os nosos informantes para non lles falar en chuvaso aos seus fillos é “para que non teñan acento” (acento, por certo, que resulta practicamente imperceptible en moitos destes pais, a pesar de ter o chuvaso como lingua materna).

Así, pois, o chuvaso nunca chegou a ser prohibido, senón que sempre tivo certas cotas na educación, nas publicacións periódicas ou na literatura. Isto non quita que, baixo un aparente apoio oficial e unha retórica de irmandade entre os pobos, a presión sobre a lingua e a cultura chuvasas foi enorme. Sirva de indicador que, segundo un estudo de 1974, o 97,8% dos fillos das numerosas parellas mixtas chuvaso-rusas nacidos na capital eran declarados rusos (Bromleja 1977: 482).

A situación cambiou a finais dos anos oitenta grazas ás políticas de  perestrojka e glasnost’ que permitiron a discusión dos problemas nacionais latentes na URSS. Nunha república cunha ampla maioría non rusa, é fácil entender que o eco fose maior que en moitas das repúblicas de Rusia. En outubro de 1990 a Lei de linguas da república (a primeira dunha república rusa, Romaškin 1999) daba un período de dez anos para que todas as persoas que atendesen o público na administración ou nas empresas privadas tiñan a obriga de facelo en calquera das dúas linguas oficiais que escollesen os cidadáns (art. 3). Así mesmo, dábase un período de cinco anos para organizar a ensinanza obrigatoria do chuvaso en todos os niveis de instrución (desde o preescolar a universitarios) e a posibilidade de cursar nel a ensinanza secundaria (art. 19 e 20 e disposición adicional 2). A nivel social, o chuvaso pasou en pouco tempo a falarse polas rúas da capital, xa entón de maioría chuvasa, de onde anteriormente a presión xerada polas autoridades o proscribira. Todo iso encheu de estupefacción e certo temor á poboación rusa, entre a cal, segundo o censo de poboación de 1989, só o 2,8% dominaba o chuvaso (en particular, o 1,7% da poboación urbana).

Nas primeiras eleccións á presidencia de Chuvasia (1991), o candidato nacionalista, Atner Husankay, principal impulsor da Lei de linguas, perdeu por décimas, segundo os resultados oficiais. Posteriormente, o presidente Nikolaj Fëdorov (1994-2010) paulatinamente foi desactivando os principais elementos da lei en sucesivas emendas. A gravísima crise económica que atravesou Rusia durante os anos noventa tampouco facilitaba a mobilización dos fondos necesarios para levala a cabo. A iso sumouse a política recentralizadora realizada polo goberno federal, sobre todo, a partir da primeira elección de  Vladimir Putin como presidente de Rusia (2000). Nos últimos anos a presidencia de Rusia e o goberno federal lanzaron varios programas de educación patriótica (2001-2005 e 2006-2010) (Spearling 2010), así como unha serie de medidas de política educativa encamiñadas a desincentivar o uso de linguas minoritarias na educación, xa sexa trasladando todos os custos do seu financiamento ás repúblicas, ou prohibindo o uso doutras linguas que non sexan o ruso nos exames de entrada á universidade (Zamyatin 2012a, 2012b). Un dos resultados en Chuvasia desta política é que desde finais da década pasada xa non se forman novos mestres para a ensinanza preescolar e primaria en chuvaso, ao considerar o goberno chuvaso que carece de medios para iso. Neste contexto resultan características da ideoloxía imperante entre as autoridades federais rusas as conclusións do Consello de Estado no seu documento “Sobre as medidas para reforzar o consenso entre as nacionalidades na sociedade rusa” (Doklad 2011):
Nun certo número de repúblicas da Federación Rusa nos últimos anos aprobáronse leis en relación ás linguas oficiais das repúblicas, segundo as cales nos programas educativos das escolas para todos os escolares introduciuse a ensinanza obrigatoria desde o 1º ao 11º  [último] curso da lingua oficial da república. Nas repúblicas estanse elaborando novos plans de estudos básicos que no campo filolóxico contradín o plan de estudos básico federal. Esta dinámica dos procesos leva a un certo número de suxeitos da Federación Rusa a violar o balance de intereses lingüísticos dos participantes no proceso educativo e a menoscabar o coñecemento da lingua rusa entre os graduados. (p. 44, as negras son do orixinal).9

En resumo, remitímonos á descrición de Riitta Pyykkö da política lingüística rusa, que subscribimos plenamente (Pyykkö 2010: 82):
Rusia  é un bo exemplo dunha política de asimilación, na que a finalidade última é a promoción da unidade nacional no interior do estado mediante o fomento do uso dun único idioma. A planificación lingüística en Rusia ten practicamente tres obxectivos: a difusión lingüística, un intento de incrementar o número de falantes de ruso; a estandarización lingüística, un intento de atesourar prestixio para o ruso; e a purificación lingüística, a preservación da “pureza lingüística” do ruso, protexendo a lingua de influencias estranxeiras e vixiando as desviacións lingüísticas desde o interior.

 

3. POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Así pois, pasamos a describir moi brevemente a política lingüística realizada en Chuvasia ao longo dos últimos vinte anos.

En primeiro lugar debe sinalarse que non existe en Chuvasia ningún departamento especificamente encargado da política lingüística. Xenericamente o ministerio de educación é o encargado de facer o seguimento dun “programa de realización” da Lei de linguas, sen que haxa ningunha persoa especificamente dedicada ás cuestións de promoción da lingua. O programa actual, aprobado en setembro de 2012, defínese para o período  2013-202010 e substitúe o anterior para o 2003-201211. En resumo, trátase dunha serie de accións decididas sen coñecementos elementais en política lingüística, sen criterios claros dos obxectivos que se pretenden conseguir, sen ningunha medida especificamente relacionada coa mellora da situación social do chuvaso e cun escasísimo orzamento. Para poñer un exemplo, o presuposto anual para os anos 2013, 2014 e 2015 é case a metade do dos anos anteriores e moi probablemente iso débese a non prever con suficiente antelación partidas orzamentarias para estes anos. Os preto de 18.000€ para cada un destes tres anos empregaranse, case por enteiro, para a concepción e publicación de novos libros de texto escolares de chuvaso para as escolas primarias (en papel e electrónicos), axudas á ensinanza en chuvaso, tártaro e mordovo-erziá e a organización de premios  escolares de lingua, literatura e cultura (anexo 2 do programa).

Ao principio dos anos noventa iniciouse un programa para facer bilingüe o espazo público: nas principais cidades e na maioría de capitais de comarca, o rotulado das rúas e das paradas do transporte público pasou a ser bilingüe, así como certas placas informativas nas fachadas dos edificios oficiais e establecementos públicos, como os horarios dos comercios. No transporte público urbano tamén se incorporou o uso do chuvaso, pero só en segundo lugar e en versión abreviada. En casos individuais o rotulado nas fachadas dalgúns edificios públicos fíxose unicamente en chuvaso. Os nomes dos comercios, que dependen da iniciativa privada, seguiron sendo case sempre en ruso, aínda que tamén haxa algúns en chuvaso. Co cambio de século, estas medidas perderon apoio efectivo e a maioría dos novos edificios públicos teñen o rotulado principal nas fachadas exclusivamente en ruso. Algunhas capitais comarcais de novo comezaron a rotular as rúas só en ruso, a pesar de que nelas a gran maioría da poboación é de lingua chuvasa. No interior dos edificios públicos toda a información é en ruso, como o é toda a documentación que os cidadáns presentan ou reciben das administracións públicas (só certos documentos son bilingües, como as partidas de nacemento, pero a documentación presentada para recibilos é unicamente en ruso). Neste contexto desalentador, o uso oral do chuvaso por parte dos cidadáns ante a administración, aínda que legalmente posible, é escaso. O resultado xeral é que o chuvaso forma parte da paisaxe urbana, aínda que esta estea enormemente dominada polo ruso.

 

4. A ENSINANZA

A escola en Chuvasia (case na súa totalidade pública) segue moi de preto estas pautas. Nos anos noventa a ensinanza no chuvaso ampliouse territorialmente a algunhas das cidades e capitais comarcais. Non hai noticia de que o seu uso se estendese máis alá do 5º curso. Porén, na década seguinte o seu uso como lingua de instrución volveu paulatinamente a repregarse ás vilas. Actualmente, non existe ningunha escola ou centro de educación preescolar nas cidades no que o chuvaso sexa lingua vehicular nalgunha materia.12 A universidade (competencia exclusiva do goberno federal) é unicamente en ruso, incluídas un bo número de materias de filoloxía chuvasa. É importante subliñar que:

  1. En principio a ensinanza realízase nunha única lingua para todas as materias (excepto para as de lingua). É dicir, que o alumnado das escolas rurais acostuma a pasar dunha educación integramente en chuvaso (ou tártaro) ata 4º a unha integramente en ruso a partir de 5º. Constatáronse na práctica algunhas excepcións a esta regra, pero xustamente a súa excepcionalidade reforza a súa condición de regra.

  2. A constitución rusa garante a ensinanza na “lingua materna” (“rodnoj jazyk”), pero nin as leis rusas nin as chuvasas garanten a elección do chuvaso como lingua de instrución se non é a lingua materna do alumnado. Conseguintemente, non se organizou ningún sistema de ensinanza do chuvaso por inmersión. As escolas divídense en escolas “nacionais”  (“nacional’nye”) chuvasas, rusas ou tártaras. Nas dúas últimas o chuvaso estúdase como unha lingua estranxeira, dúas ou tres horas por semana, con clases en que a lingua vehicular é o ruso. Incluso os libros escolares indican que son  “libro[s] de texto de lingua chuvasa para rusos” (sic), aínda que a maioría do alumnado que estuda con eles nas cidades son de nacionalidade chuvasa. Nas escolas “nacionais” chuvasas (todas elas en núcleos rurais) a educación pode ser integramente en ruso, pero poden ter máis horas dedicadas á ensinanza do chuvaso e as clases de chuvaso realízanse nesta lingua. Nos dous últimos cursos non hai ensinanza de lingua chuvasa, senón só de literatura (unha hora nas escolas “rusas” e dúas nas “chuvasas”). A guinda deste sistema é que nas escolas “rusas” estas clases de literatura se realizan exclusivamente sobre a base de traducións ao ruso das obras estudadas.

Os datos do Ministerio de educación chuvaso aos que tivemos acceso (que se recompilan a pedimento do Ministerio de educación federal, pero que ningún dos dous organismos publica) mostran un retroceso da ensinanza en chuvaso incluso nas vilas, aínda que continúe sendo moi amplamente maioritaria  na primaria daquelas vilas que non son capital de comarca (79,5% do alumnado de primaria no curso 2011-2012).13 As cifras globais (táboa 1) tamén están laminadas pola paulatina perda de peso da poboación rural con relación á urbana e a concentración escolar en centros maiores, a miúdo plenamente rusófonos. No presente curso 2012-2013, segundo as cifras internas do ministerio, o 90,0% dos escolares, de primeiro a último curso, estudan en ruso. A educación preescolar ten niveis parecidos de repartición territorial por  linguas, pero debido a que son poucos os centros en núcleos rurais, a porcentaxe de uso do chuvaso é netamente inferior. Cabe sinalar que o noso actual traballo de campo nas distintas comarcas mostra que o uso do chuvaso é menor en realidade có reflectido nestas estatísticas.  

Táboa 1: Evolución da porcentaxe de alumnado de primaria (1º a 4º curso) por lingua de instrución14

 

1995

2001

2008

2012

Chuvaso

37,8%

42,2%

31,8%

23,1%

Tártaro

2,2%

3,2%

2,0%

1,7%

Ruso

60,0%

54,7%

66,2%

75,2%

Estas cifras contrastan coas que publican as autoridades, que son o número de centros educativos “nacionais”. Ao ser as escolas rurais moitas máis, aínda que moito máis pequenas cás dos núcleos urbanos, as cifras son en aparencia totalmente distintas. Por exemplo, segundo a páxina web do Ministerio de Educación de Chuvasia sobre a “educación nacional”, “[n]a república hai 313 (63,0%) escolas co chuvaso como lingua vehicular de ensinanza, 166 (33,0%) co ruso, 14 (3,0%) co tártaro (938 alumnos), ademais de 5 escolas (1,0%) que ensinan o mordovo (233 alumnos)” (http://gov.cap.ru/hierarhy.asp?page=./16/530/1155376/1168009/1171008, consultada o 3.3.2013). Esta información probablemente tamén dá por sobreentendido que o lector sabe que a maioría do alumnado das escolas con chuvaso e tártaro como linguas vehiculares, de feito, teñen maioritariamente o ruso como tal, xa  que o chuvaso está circunscrito aos primeiros cursos.

En cambio as cifras de ensinanza do chuvaso como materia mostran un avance regular ata alcanzar o 100%.15 As enquisas entre a poboación urbana mostran bastante desidia pola materia entre pais e alumnado: segundo a nosa enquisa entre alumnado de núcleos urbanos, dous terzos dos pais non teñen interese en se os seus fillos (os enquisados) dominan o chuvaso, e un terzo dos pais non ten ningún interese.

Por outro lado, segundo unha enquisa realizada en 2009 entre máis de 200 profesores de chuvaso das escolas da capital (68% do profesorado) o “11% do alumnado non domina en absoluto o chuvaso” e “a porcentaxe deste alumnado é practicamente idéntica en todos os cursos, empezando polo 5º” (Ignat’eva et al. 2009: 42). O mesmo grupo de investigadores, nunha enquisa parecida noutras cidades de Chuvasia realizada en 2010, conclúe que “unha parte do alumnado [...] non avanza absolutamente nada nas clases de chuvaso” (Ignat’eva et al. 2010: 49). Un 15,1% dos estudantes urbanos de bacharelato de 10º e 11º cursos enquisados por nós afirman “non entender” e outro 26,5% “entender moi pouco” o chuvaso, despois de 9 cursos (o que coincide cos traballos de 2009 e 2010). En conclusión, parece que para evitar o rexeitamento dos pais á ensinanza obrigatoria do chuvaso, a materia pode aprobarse sen alcanzar os niveis teoricamente requiridos. A obrigatoriedade do estudo da lingua, non obstante, permítelles ás autoridades mostrarse activas no seu apoio á lingua e cultura chuvasas.

Debe subliñarse tamén que as escolas urbanas non só son exclusivamente en ruso, senón que practicamente todo o rotulado no seu interior é unicamente nesa lingua: só en moi contadas excepcións o rotulado na porta das aulas é bilingüe, pero nas máis de 40 escolas visitadas ata o día de hoxe en cidades e vilas non se encontrou nin un mínimo intento de bilingüismo equitativo no  vestíbulo ou nos corredores. Tampouco a web dos centros  educativos, nin a do Ministerio de Educación (http://gov.cap.ru/main.asp?govid=13) están en chuvaso. A sensación de normalidade do ruso como lingua exclusiva da administración (e incluso máis por escrito) é tan grande que, ao parecer, ninguén nin no ministerio nin en ningunha escola cae na conta das implicacións deste contorno en relación á motivación do alumnado na aprendizaxe do chuvaso, a representación que se faga da lingua e a súa funcionalidade ou, simplemente, o menor coñecemento que adquire do chuvaso ao restrinxirse o contacto con el.

En cambio, o chuvaso e a cultura chuvasa si que teñen reservado un lugar case obrigado nos actos festivos, en particular nos escolares: como a lingua de cancións folclóricas de benvida. Tamén non é raro oílo en palabras de saúdo en boca de oradores en actos públicos. Desta maneira, o uso público do chuvaso resulta fortemente protocolario e folclorizado. Unha mostra diso son as páxinas web do Ministerio de Educación relacionadas coa ensinanza do chuvaso, nas que proliferan preciosas fotos de nenos en traxe rexional  (http://gov.cap.ru/hierarhy.asp?page=./16/530/1155376/1168009/1171008, http://gov.cap.ru/hierarhy.asp?page=./16/530/144516/208722/208724, consultadas o 3.3.2013)

Todos os datos apuntan claramente, como era de esperar, a uns resultados pobres na ensinanza dunha lingua que se estuda só dúas ou tres horas por semana como materia, sen que haxa un contorno real de uso na escola, nin conte cun elevado estatus social, e ademais sexa lingüísticamente moi distante da dominante. Aínda así, os investigadores chuvasos, cargados de boa vontade, opinan que “os métodos actuais de ensinanza do chuvaso en ruso (sic), a pesar de todas as insuficiencias existentes, dá uns resultados aceptables” (Ignat’eva et al. 2009: 44). Debe subliñarse que o grupo de investigadores que asina esta conclusión forma a maioría da cátedra de lingua chuvasa no Instituto Republicano Chuvaso de Ensinanza, o organismo dedicado á formación permanente do profesorado da república e que asesora ao goberno en temas educativos.

 

5. O PERFIL DO PROFESORADO DE LINGUA CHUVASA

É importante preguntarse por qué os investigadores locais tenden tanto a practicar o “wishful thinking”. Habería que ter en conta o grao de autonomía do que gozan os posibles asesores ao estar todos os responsables dos centros de investigación, universidades, facultades, escolas, etc. nomeados pola  administración. Tamén é importante a orixe das axudas á investigación, procedentes case todas de institucións federais, en cuxas prioridades previsiblemente non se encontren os programas de revitalización das linguas minorizadas ou os estudos que poidan poñer en dúbida a política educativa xeral. Súmase unha importante dificultade de acceso a revistas científicas estranxeiras, xa sexa por problemas de coñecementos lingüísticos ou económicos.16 Trátase tamén de contornos con pouca renovación xeracional, no que Internet irrompeu recentemente e aínda non é de uso xeneralizado. E converxen, finalmente, razóns ligadas ao tipo de persoas que se dedican  á ensinanza do chuvaso.

O primeiro factor neste último aspecto é que practicamente a totalidade do profesorado de chuvaso é de orixe rural, o cal é comprensible polo simple feito de que o número de persoas de orixe urbana que falan fluidamente en chuvaso é moi reducido.17 Por outro lado, segundo datos estatísticos internos do ministerio para o curso 2011-2012 aos que tivemos acceso, o colectivo de profesores de chuvaso é, despois dos de informática, o menos avellentado: o 52% ten máis de 20 anos de experiencia docente, mentres que a media en Chuvasia é do 68,1%; en particular o 7,7% do profesorado de chuvaso nas escolas urbanas está xubilado mentres que, como media, traballan un 15,5% de pensionistas nas escolas urbanas (en Rusia as pensións son tan baixas que é habitual continuar traballando ao chegar á idade de xubilación – 55 anos para as mulleres e 60 anos para os homes; neste caso a pensión súmase ao soldo). Pode sinalarse tamén que, se ben o profesorado en Chuvasia é nun 87,5% feminino e que esta proporción é notablemente maior nos núcleos urbanos, entre o profesorado de chuvaso esta porcentaxe alcanza o 98,1%: só o profesorado de primaria é aínda máis feminino.

A interpretación que se pode dar a estes datos é que existe algún factor que fai algo máis atractivo ser profesor de chuvaso que doutras materias, especialmente nas cidades. Esta atracción, porén, non é o suficiente forte como para atraer a homes, que tenden a dedicarse a profesións moito máis remuneradas (e, en particular, emigran moito máis cás mulleres, como mostran as distribucións de poboación por idades). Na nosa opinión, este factor é a simple lei da oferta e a demanda: existe unha oferta de prazas educativas nas cidades que, na práctica, pola configuración sociolingüística da poboación e un sistema educativo inefectivo, só pode cubrir persoas de extracción rural; para estas persoas, dado que os resultados do alumnado das escolas rurais é notablemente inferior ao das escolas urbanas, a opción de cursar filoloxía chuvasa é unha maneira máis fácil de acceso á ensinanza superior e, conseguintemente, a certa promoción social (a pesar de que noutros casos a dedicación á ensinanza dificilmente poida considerarse un tipo de promoción social).

Se realmente é así, é previsible que os profesores de chuvaso tendan a adoptar outros marcadores desta promoción social, como o uso do ruso. Non hai aínda traballos concluíntes sobre o tema, pero un pequena mostra de 28 profesoras de chuvaso en colexios de Şupaşkar con fillos, feito en 2010, mostrou que 4 falaban só en ruso cos fillos e que só 3 falaban só en chuvaso con eles, a pesar de que 14 falaban co marido só en chuvaso. A impresión é que é un colectivo que mantén moitísimo máis o chuvaso na familia ca outros habitantes das cidades de orixe rural, pero que tamén ten unha gran tendencia a falar en ruso cos fillos. Isto axudaría a explicar o feito de que tendan a falar pouco en chuvaso co seu alumnado: entre os 95 alumnos que afirman falar co pai ou a nai en chuvaso da nosa mostra de 589 alumnos urbanos, 81 afirman non falar nunca en chuvaso cos mestres fóra das clases (é dicir, tampouco co profesorado de chuvaso ou cos numerosos docentes que dominan a lingua). Debe sinalarse tamén que en Chuvasia non se imparte ningún curso ou clase en ningunha carreira universitaria sobre nocións elementais de sociolingüística e que estes coñecementos son descoñecidos para practicamente toda a comunidade educativa. A sociolingüística en Rusia está relativamente pouco desenvolvida e, na nosa opinión, en galego publícase máis e mellor neste campo que en toda Rusia, a pesar dos seus 142 millóns de habitantes e máis de 30 linguas oficiais (todas elas vulnerables ou en perigo, excepto o ruso e o tártaro, segundo o Atlas de Unesco, Moseley 2010).

 

6. RESULTADOS DE ENQUISAS SOCIOLINGÜÍSTICAS

Neste contexto, desde o Instituto Estatal Chuvaso de Humanidades, aínda que sen ningún financiamento gobernamental, empezamos a realizar un estudo cuantitativo da situación sociolingüística en Chuvasia e sobre as actitudes cara á lingua. Basicamente por razóns orzamentarias, enquísase alumnado de bacharelato en vez dunha mostra aleatoria da poboación. Presentamos aquí moi brevemente os resultados entre a poboación escolar urbana, que suman o 64% do total da poboación escolar, a partir da mostra anteriormente descrita de 589 alumnos de bacharelato con residencia permanente nestas cidades. O 56,9% dos enquisados declararon ser de nacionalidade chuvasa.

O 33,7% dos enquisados entenden ben ou bastante ben o chuvaso e o 25,9% fálano ben ou bastante ben. En comparación, segundo estiman os enquisados, o 50,9% dos seus pais e o 49,5% das nais fálao ben ou bastante ben. Case non hai, non obstante, diferenzas cos pais e nais que creceron nas cidades de Chuvasia: tamén o 25,9% fálao ben ou bastante ben. A diferenza no coñecemento entre esta e a anterior xeración urbana circunscríbese a unha posible redución dos que non falan en absoluto en chuvaso: se o 35,9% dos pais de extracción urbana non sabe falar en absoluto en chuvaso (segundo os seus fillos), isto ocorre co 31,6%, que si o estudaron 9 anos na escola.

A transmisión interxeracional da lingua é mínima nas cidades. O 16,2% afirma falar en ruso e chuvaso cos proxenitores e o 0,1% só en chuvaso. Porén, é evidente que parte dos que din falar en chuvaso non o fan ou fano moi pouco, xa que a quinta parte ao mesmo tempo di dominar pouco a lingua. De feito, ao preguntar qué lingua é a máis utilizada cos proxenitores, o chuvaso resulta selo só no 0,6% dos casos e as dúas linguas sono ao mesmo nivel nun 1,8%; o ruso domina no 96,8% das familias urbanas. Comparando, a lingua que domina na comunicación entre pais, nais e avós, por un lado, e entre pais e nais, doutro, resulta que preto do 1,5% dos proxenitores que falan predominantemente cos seus pais en chuvaso o fan tamén cos seus fillos, e un 4% dos proxenitores que entre eles falan predominantemente en chuvaso, fano tamén cos fillos. Os datos mostran tamén que esta transmisión nula ou secundaria da lingua xa se daba na xeración anterior polo menos.

Hai un uso maior do chuvaso cos avós e menor cos irmáns. O uso fóra da familia, xa sexa con amigos, veciños, profesores, tendeiros, etc. é moi reducido, incluso entre os que falan en chuvaso na casa (o 85% deles non o falan en ningunha das 7 ocasións de uso extrafamiliar formuladas na enquisa).

Por outro lado, un número significativo de enquisados afirma que inicialmente falaban máis chuvaso na casa que actualmente, cousa que corroboran outras respostas que dan (como a comparación entre linguas iniciais e linguas actualmente utilizadas na casa, ou o lugar onde se empezou a aprender o chuvaso). A maioría dos que declaran unha diminución do uso do chuvaso na casa relaciona este feito co inicio da escola ou, en menor medida, do parvulario. Sendo precavidos, polo menos un 20% das familias que inicialmente utilizaban o chuvaso na casa reduciron ou eliminaron o seu uso ao empezar a escolarización dos seus fillos. Os datos apuntan a que poderían ser un terzo ou máis destas familias. Os casos contrarios, de incremento do uso do chuvaso na casa, resultan insignificantes e, na súa maioría, dubidosos por incongruentes con outras respostas. Non hai tampouco ningún corremento significativo ao uso de linguas estranxeiras na casa, aínda que o uso máis ou menos esporádico destas linguas, sobre todo do inglés, en SMS e as redes sociais é notable (preto dun cuarto dos enquisados) e moi superior ao do chuvaso.

En canto á análise das actitudes, os resultados mostran que o factor máis correlacionado con elas é o grao de dominio da lingua, que supera tanto a nacionalidade como o uso ou non da lingua na casa, entre outros factores nos que se pode determinar correlación. Non obstante, o grupo con actitudes máis positivas cara á lingua é o dos que a falan na casa.

As actitudes, basicamente, analizáronse a partir do posicionamento dos enquisados nunha escala de catro niveis ante unha batería de afirmacións. É interesante comentar certa diferenza nas respostas segundo o xénero: os mozos tenden a posicionamentos máis extremos cás mozas (positivos ou negativos) aínda que non se apreciaron diferenzas significativas nos usos por xénero nin entre os enquisados nin entre os seus proxenitores.

Por un lado, os enquisados mostran un forte vínculo simbólico entre a lingua chuvasa e Chuvasia. Por exemplo, o posicionamento ante a aserción “Chuvasia non sería Chuvasia sen o chuvaso” obtén, entre os falantes de chuvaso, un índice de 4,47 na escala de 1 a 5 utilizada en Euromosaic, o que a sitúa ao nivel das linguas minorizadas da Unión Europea mellor situadas segundo este indicador (Williams 2005: 179, 181); por exemplo, o galego obtivo un índice de 4,40. Entre os non falantes iniciais, o posicionamento é parecido ao obtido entre estudantes non falantes de éuscaro ou irlandés na Comunidade Autónoma Vasca e a República de Irlanda, respectivamente (Moriarty 2010: 147). Probablemente,  certo uso bilingüe no espazo público, a súa ensinanza escolar obrigatoria e o seu uso público habitual (aínda que protocolario e folclorizado) poden explicar esta actitude.

En cambio, en practicamente todos os outros indicadores o chuvaso móstrase moi pouco atractivo. Está pouco ou nada asociado a valores instrumentais ou de promoción social e, en cambio si o está, a profesións pouco cualificadas e con baixa remuneración económica. Está considerado tamén afastado da modernidade: a aserción “o chuvaso non é moderno” obtén un índice de 2,55 na escala de Euromosaic, o que o pon por enriba do occitano e o arpitano, pero por debaixo do sorabo, o ladino, o corso e, non cabe dicir, o galego (Williams 2005: 179, 181).

O 74,5% dos enquisados non está de acordo coa aserción “A min persoalmente serame útil saber chuvaso” (o 34,3%, totalmente en desacordo). O 68,2% non está de acordo con “Quero que os meus fillos saiban o chuvaso” (o 27,1%, totalmente en desacordo). O 70,9% están de acordo con “Resultaríame incómodo se o meu marido ou a miña muller falase só en chuvaso cos nosos fillos” (43,0%, totalmente de acordo). Por outro lado, e de forma aparentemente contraditoria, o 59,2% están de acordo con “É útil saber chuvaso para ser un digno cidadán de Chuvasia”. Habería que relacionar este posicionamento co feito de que o chuvaso forma parte da iconografía de Chuvasia.

Como se apuntou e cabe esperar, existen substanciais diferenzas nos posicionamentos segundo o grao de coñecemento da lingua. Estas son especialmente importantes en asercións como a anterior ou con “Unha persoa que vive en Chuvasia debe saber o chuvaso”. Neste último caso, por exemplo, o 63% dos falantes comparten esta opinión, mentres que só o 29% dos que non dominan a lingua están de acordo con ela.

Finalmente, indiquemos que só o 22% dos enquisados subscribe “Gustaríame que o chuvaso se utilizase máis na sociedade” (26% dos falantes e 16% dos non falantes). Debe sinalarse, porén, que só un 26,8% se declara totalmente contrario, o cal mostra un número considerable de persoas máis ben indiferentes, non necesariamente contrarias a unha recuperación moi paulatina do uso social e institucional da lingua. En cambio, a aserción “Gustaríame que o ruso se utilizase máis na sociedade” reúne un 86,1% de aprobación. A vinculación simbólica e emocional da poboación chuvasa a Rusia e a lingua rusa é moi alta, como se comprobou noutros estudos (Alòs i Font 2013). Isto mostra os riscos que entrañaría un proceso de normalización lingüística, cuxos opoñentes non dubidarían en denunciar como perigoso para o ruso e, incluso, para Rusia (como xa esgrime o citado documento do Consello de Estado polo simple feito de que a ensinanza dalgunhas linguas oficiais sexa obrigatoria).

 

7. CONCLUSIÓN

Este traballo pretende explicar a situación social dunha lingua sobre a que non hai practicamente estudos sociolingüísticos publicados. O caso do chuvaso, polo  número de falantes, a súa concentración en Chuvasia e o certo grao de autonomía que goza esta república parece especialmente atractivo para analizar. A situación que padece e os retos aos que se enfronta non son máis que os que teñen ou tiveron outras comunidades lingüísticas con, a priori, peores condicións de partida, polo menos en termos demolingüísticos, por exemplo os galeses ou os vascos.

Os datos descritos mostran unha moi rápida recesión do chuvaso nas cidades. As políticas gobernamentais están, como mínimo, moi pouco articuladas e menos apoiadas economicamente. Baséanse exclusivamente na ensinanza do chuvaso como materia, pero sen ningún tipo de reforzo que axude a mellorar a imaxe que se ten da lingua como idioma rural e propio máis ben de persoas con instrución e nivel social inferior á media (visión, cabe dicir, que non resulta desacertada). Por outro lado, a práctica inexistencia de sociedade civil en Chuvasia e a súa difícil vertebración polo esmero das autoridades federais en controlar todos os resortes de poder, dificulta moito a creación por iniciativa privada, por exemplo, de centros educativos en chuvaso (á maneira da experiencia de vascos, bretóns, occitanos, catalán, etc. en Francia) ou entidades dedicadas a incidir na opinión pública sobre a visión que se ten da lingua. Tamén barreiras lingüísticas e económicas dificultan o acceso a publicacións sociolingüísticas doutros países por parte da intelectualidade chuvasa, que á súa vez sofre barreiras mentais, froito dunha ideoloxía dominante que tende a considerar Rusia como unha “civilización” propia e, polo tanto, calquera experiencia estranxeira dificilmente comparable e asimilable.

O futuro do chuvaso pasa, indiscutiblemente, por un arduo e longo traballo no campo do cambio de actitudes e hábitos lingüísticos, pero é difícil crer que este traballo poida realizarse sen a vertebración dunha sociedade civil que se libera da tutela paternalista dun estado que todo o quere controlar e que ao mesmo tempo teme que a normalización do uso das linguas minoritarias poida romper a unidade nacional.

 

Referencias bibliográficas

Alòs i Font, È. (2011). “Оcenka jazykovoj politiki v Čuvašii”. En: Kuznecov A.V. (red.). Čuvašskij jazyk i ètnos v istorii evrazijskoj civilizacii. Čeboksary: Čuvašskij gosudarstvennyj institut gumanitarnyx nauk, p. 134-137.

Alòs i Font, È. (2012). “Jazykovoj sdvig v rajonnyx centrax severnoj Čuvašii”. En: Sociologija i obščestvo: global’nye vyzovy i regional’noe razvitie: Materialy IV Оčerednogo Vserossijskogo sociologičeskogo kongressa. Moskva: RОS, 2012. P. 7224-7231. http://www.ssa-rss.ru/files/File/congress2012/part51.pdf

Alòs i Font, È. (2013). “Ètnojazykovaja situacija v gorodax čuvašskoj respubliki: sociologičeskij aspekt”. En: Kuznecov, A.V. (red.). Aktual’nye voprosy istorii i kul’tury čuvašskogo naroda: vypusk 2. Čeboksary: Čuvašskij gosudarstvennyj institut gumanitarnyx nauk.

Alòs i Font, È. (en prensa). “Istoki vlijanij na čuvašskix issledovatelej-gumanitariev: statističeskij analiz statej Vestnika Čuvašskogo universiteta”.

Alpatov, V.M. (2000). 150 jazykov i politika: 1917-2000. Moskva: Kraft.

Baranov, M.T.; Kostjaeva, T.A; Prudnikova, A.V. (1984). Russkij jazyk. Spravočnik dlja učaščixsja. Moskva: Prosveščenie.

Bojko I.I. (2010). “Čuvašija. Problema ravenstva jazykovyx prav v obrazovanii”. En: Stepanov V.V. (red.). Ètnokul’turnoe obrazovanie. Metody social’noj orientacii rossijskoj školy. Moskva: IÈJa RAN. 127- 136.

Bojko, I.I.; Xaritonova, V.G. (2009). “V period «Оttepeli» (1953-1964 gg.)”. En: Istorija Čuvašii novejšego vremeni. Kniga II. 1945-2005. Čeboksary: Čuvašskij knižnoe izdatel’stvo.

Bojko, I.I.; Xaritonova, V.G.; Šabunin, D.M. (red.) (2011). Čuvašskaja Respublika. Sociokul’turnyj portret. Čeboksary: Čuvašskij gosudarstvennyj institut gumanitarnyx nauk.

Bromleja, Ju. V. (red.) (1977). Sovremennye ètničeskie processy v SSSR. Moskva: Nauka.

Comrie, Bernard (1981). The languages of Soviet Union. Cambridge: Cambridge University Press.

Crisp, Simon (1989). “Soviet language planning 1917-53”. En: Kirkwood, M. (red.). Language planning in the Soviet Union. London: MacMillan, p. 23-45.

ČGU (2012). SPISOK svodnyj po biblioteke. Нa gazety, žurnaly, ZŽ, RŽ, NTI s janvarja 2012 goda (1 p/g). http://library.chuvsu.ru/inform_res/fonds/downloads/periodika1-2012.zip (Consulta: 3.3.2013)

“Čto i trebovalos’ dokazat’”. İrĕklĕ Sămah, 24.09.2012. http://www.irekle.org/articles/i14.html (Consulta: 12.3.2013).

“Doklad Gosudarstvennogo Soveta Rossijskoj Federacii «o merax po ukrepleniju mežnacional’nogo soglasija v rossijskom obščestve»”. [Moskva:] 2011.

http://www.minregion.ru/activities/interethnic_relations/national_policy/505/902.html (Consulta: 3.3.2013)

Gorham, Michael S. (2010). “Language ideology and the Evolution of Kul’tura Iazyka (‘Speech Culture’) in Soviet Russia”. En: Brandist, Craig; Chown, Katya (eds.). Politics and the Theory of Language in the USSR 1917-1938. The Birth of Sociological Linguistics. London: Anthem Press, p. 137-149.

Grenoble, Leonore A. (2003). Language Policy in the Soviet Union. Dortrecht: Kluwer Academic Publishers.

Ignat’eva A.P., Vinogradov, Ju.M., Ignat’eva V.I. et al. (2009). “Govorjat li deti po-čuvašski?”. Halăx şkulĕ – Narodnaja škola, núm. 4, p. 41-44.

Ignat’eva A.P., Vinogradov Ju.M., Ignat’eva V.I. et al. (2010). “Kak vladejut čuvašskim jazykom učaščiesja gorodskix škol”. Halăx şkulĕ – Narodnaja škola, núm. 5, p. 48-50.

Ivanov, V.P. (2009). “Prosveščenie u čuvašej i vydajuščiesja nacional'nye dejateli nauki i kul'tury”. En: Ivanov, V.P. (red.): Čuvaši. Istorija i kul’tura. Čeboksary: Čuvašskij gosudarstvennyj institut gumanitarnyx nauk. Tomo 1, p. 121-128.

Ivanov, V.P.; Klement’ev, V.N. (2010). Оbrazovanie čuvašskoj avtonomii. Čeboksary: Čuvašskij gosudarstvennyj institut gumanitarnyx nauk.

Klement’ev, V.N. (2001a). “Period novoj èkonomičeskoj politiki”. En: Bojko, I.I. (red.). Istorija Čuvašii novejšego vremeni. Kniga 1. 1917-1947. Čeboksary: Čuvašskij gosudarstvennyj institut gumanitarnyx nauk, p. 119-142.

Klement’ev, V.N. (2001b). “V 30-e gody”. En: Bojko, I.I. (red.). Istorija Čuvašii novejšego vremeni. Kniga 1. 1917-1947. Čeboksary: Čuvašskij gosudarstvennyj institut gumanitarnyx nauk, p. 182-188.

Kreindler, Isabelle (1989). “Soviet language planning since 1953”. En: Kirkwood, Michael (red.). Language planning in the Soviet Union. London: MacMillan, 46-63.

Moriarty, Máiréad. “The Effects of Language Planning Initiatives on the Language Attitudes and Language Practices of University Students: A Comparative Study of Irish and Basque”. Language Problems & Language Planning, 2010, núm. 2, p. 141-157.

Moseley, Christopher (ed.) (2010). Atlas of the World’s Languages in Danger, 3rd edn. Paris: UNESCO Publishing. http://www.unesco.org/culture/languages-atlas/en/atlasmap.html

Pyykkö, Riita (2010). “Language Policy as a Means of Integration in Russia”. En: Lähteenmäki, Mika; Vanhala-Aniszewski, Marjatta. Language Ideologies in Transition. Multilingualism in Russia and Finland. Frankfurt am Main: Peter Lang, p. 81-99.

Romaškin, V.V. (1999). “Jazykovaja reforma v Rossijskoj Federacii”. En: Sbornik materialov meždunarodnoj naučnoj konferencii “Altaj i Centralnaja Azija: Kulturno-Istoričeskaja preemstvennost’. Gorno-Altajsk. p. 29-38. http://www.philology.ru/linguistics2/romashkin-99.htm (Consulta: 3.3.2013).

Sebba, Mark (2006). “Ideology and alphabets in the former USSR”. Language Problems & Language Planning, vol. 30, núm. 2, p. 99-125.

Spearling, Valerie (2010). “Making the Public Patriotic: Militarism and Anti-Militarism in Russia”. En: Laruelle, Marlène (ed.). Russian Nationalism and the National Reassertion of Russia. London and New York: Routledge, p. 218-271.

Tishkov, V.A.; Stepanov, V.V.; Funk, D.A.; Artemenko, O.I. (2009). Status of and support for Linguistic Diversity in the Russian Federation. Moscow: Institute of Ethnology and Anthropology of the Russian Academy of Sciences, Ministry of Education and Science. En liña: http://www.coe.ru/doc/men/publications/Report_Status of and support for linguistic diversity in the RF_eng.doc (Consulta: 12.03.2013).

Williams, Glyn (2005). Sustaining Language Diversity in Europe. Evidence from the Euromosaic Project. New York: Palgrave.

Zamyatin, Konstantin (2012a). “The Education Reform in Russia and its Impact on Teaching of the Minority Languages: An Effect of Nation-Building?”. Journal on Ethnopolitics and Minority Issues in Europe, vol 11, núm. 1, 17-47. http://www.ecmi.de/fileadmin/downloads/publications/JEMIE/2012/Zamyatin.pdf (Consulta: 12.03.2013).

Zamyatin, Konstantin (2012b). “From Language Revival to Language Removal? The Teaching of Titular Languages in the National Republics of Post-Soviet Russia”. Journal on Ethnopolitics and Minority Issues in Europe, vol 11, núm. 2, 75-102.

http://www.ecmi.de/fileadmin/downloads/publications/JEMIE/2012/Vol_2_Dezember_2012/5._JEMIE_Zamyatin.pdf (Consulta: 12.03.2013).

* Artigo traducido do orixinal en castelán


 

1   Para unha revisión doutros traballos de investigadores chuvasos, ver Alòs i Font 2013.

2   Os datos ata agora publicados do censo de 2010 poden consultarse en http://www.gks.ru/free_doc/new_site/perepis2010/croc/perepis_itogi1612.htm (data de consulta 01.03.13).

3   http://www.gks.ru/free_doc/new_site/vvp/dusha98-10.xls

4   Datos a partir do censo soviético de 1926 (http://demoscope.ru/weekly/ssp/rus_nac_26.php?reg=458). Ver tamén Ivanov e Klement’ev (2010: 175).

5   Para unha breve presentación da historia cultural deste período ver, por exemplo, Ivanov (2009) yeKlement’ev (2001a).

6   Para unha visión de conxunto da evolución da política lingüista na Unión Soviética ver Alpatov 2000  e Grenoble 2003.

7   Sobre outros casos na URSS, ver Sebba (2006: 104),  Comrie (1981: 34), Crisp (1989: 33-34).

8   A razón aducida era que a poboación destes núcleos era “multinacional”. Este tipo de explicación aínda se oe hoxe en día. Nunha visita a un núcleo semirural (3 500 habitantes), explicábannos que o chuvaso non se estudaba na escola como lingua materna porque na poboación vivían “16 nacionalidades”. Moi probablemente sexa verdade, pero a nosa enquisa mostrou que máis do 90% dos escolares eran chuvasos.

9   Para unha visión da ideoloxía lingüística promovida polas autoridades federais, recomendamos a lectura, en inglés, do documento oficial sobre a política lingüística rusa presentado ante o Consello de Europa en 2009, que a reflicte perfectamente (Tishkov et al. 2009).

10  http://gov.cap.ru/list4/law/rec.aspx?gov_id=13&link=13&preurl=.&FKey=F_JURL_ID&id=133419

11  http://mfin.cap.ru/upload/root/rcp/314%20061202.doc. Sobre o programa de realización da lei para o período 2003-2012 ver Alòs i Font: 2011.

12  Hai que notar que, por unha pequena iniciativa cidadá que encontrou boa aceptación no Ministerio de educación, desde o curso 2010-2011 hai unha clase en Şupaşkar que, de maneira experimental, dá algunhas materias en chuvaso e en ruso. O proxecto empezou moi timidamente a expandirse, xa que ten moitas dificultades para desenvolverse. A posición das autoridades cambaléase entre a boa vontade, a falta de medios humanos e económicos e certa necesidade de aparentar que se levan a cabo novas accións a favor da lingua chuvasa. Basicamente, o maior problema non vén dos pais, que, en xeral, reciben ben a proposta, unha vez que se lles explica, senón da falta de profesores dispostos a asumir o reto de facer clases mediante o método de inmersión, que descoñecen. Para unha breve discusión sobre esta cuestión, ver “Čto i trebovalos’ dokazat’“ (2012).

13  Un traballo recente moi interesante de Zamyatin (2012b) publica datos sobre a  educación en Chuvasia e noutras repúblicas, que, polo menos no caso de Chuvasia, resultan bastante inexactos ao basearse en cálculos.

14  Fontes: para os anos 1995 e 2001, a partir de Bojko et al. (2011); para 2008 e 2012, a partir dos datos da “forma FSN Nº D-7” (http://www.miccedu.ru/stat/stat_forms.php) facilitados polo Ministerio de Educación de Chuvasia.

15  Entre 2003 e 2008 o chuvaso foi facultativo nas dúas rexións ao sur-oeste de Chuvasia (Bojko 2010: 128-129), de maioría rusa e cunha poboación mordova superior á chuvasa, e é aí onde se concentra a maior oposición á ensinanza obrigatoria en chuvaso.

16  Debe terse en conta que na lista de 452 publicacións periódicas da Universidade Estatal Chuvasa (o principal centro educativo de grao superior de Chuvasia) non hai nin unha soa estranxeira (ČGU 2012). A análise bibliométrica das citas nos artigos de humanidades na máis extensa revista científica chuvasa mostra un gran peso das publicacións de Moscova e San Petersburgo (como mínimo, o 42% das citas) e o pouco peso das publicacións locais (10%) e estranxeiras (7%). Estas últimas, ademais, teñen tendencia a ser sensiblemente máis antigas. Estes datos mostran o peso de Moscova e San Petersburgo como centros de influencia ideolóxica entre os investigadores chuvasos e o pouco peso de autores estranxeiros (Alòs i Font, en prensa).

17  A  proporción entre profesorado de orixe rural e urbana parece ser dunha orde de 15:1 (Alòs i Font 2013).

 

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976