A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Xaquín Loredo Gutiérrez

Licenciado en Psicoloxía e investigador do Seminario de Sociolingüística da RAG. É coautor de varias obras que pretenden investigar usos, competencias e actitudes da sociedade galega e tamén sobre o cambio de lingua, como por exemplo, a Situación do ensino da lingua e literatura galega na educación secundaria obrigatoria, Avaliación da competencia do alumnado da ESO en galego e castelán, o II Mapa sociolingüístico de Galicia ou O galego, segunda mocidade.

Nº6: Ano 2015

Xaquín Loredo Gutiérrez
Aproximación á situación sociolingüística en Galicia. A evolución da transmisión lingüística interxeracional do galego

Neste artigo, Xaquín Loredo ten como obxectivo, por unha parte, analizar a evolución da situación da lingua galega nas principais variables demolingüísticas (i.e. competencias lingüísticas, uso lingüístico habitual do galego, lingua inicial, lingua habitual) e, por outra parte, analizar o nivel de ruptura da transmisión interxeracional familiar do galego.


Versión en PDF


Para enviar valoracións do artigo ao autor: sociolinguistica@academia.gal

 

1. INTRODUCIÓN


Os últimos datos demolingüísticos dispoñibles sobre a situación da lingua galega foron publicados en decembro de 2014 (Instituto Galego de Estatística. IGE, 2013). Estes resultados pertencen ao Módulo de galego da Enquisa de Condicións de Vida das Familias (ECVF), enquisa que tamén se administrou en 2003 e 2008 (Instituto Galego de Estatística. IGE, 2004, 2008). Os resultados do IGE-2013, ademais de ser os últimos datos demolingüísticos existentes, permiten analizar a evolución da lingua galega desde inicios do século XXI, xa que os resultados son comparables cos datos do IGE-2008 e IGE-2003, e en menor medida, con outros estudos como o MSG-1992 (Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994).

Os estudos demolingüísticos do IGE-2003, 2008 e 2013 non son as únicas investigacións dispoñibles para analizar a situación do galego. Outra fonte de datos importante son os Censos Lingüísticos de 1991, 2001 e 2011 (a partir de agora CL-1991,CL-2001, CL-2011). Os Censos Lingüísticos preguntan sobre usos e competencias lingüísticas en galego, utilizando dúas preguntas.  A pouca información achegada polos Censos Lingüísticos súplese polo nivel de representatividade, xa que estas dúas preguntas fixéronselle a toda a poboación en 1991 e 2001, e a unha mostra considerable en 2011 (207.942).  O estudo sociolingüístico de maior importancia en Galicia foi o Mapa Sociolingüístico de Galicia de 1992 (a partir de agora, MSG-1992) caracterizado polo tamaño da mostra (38.897 enquisas) e cuestionario administrado (148 preguntas).  A continuación do MSG-1992, o Mapa Sociolingüístico de Galicia de 2004 (a partir de agora, MSG-2004), foi criticado especialmente polo deseño da mostra, dado que soamente contemplaba a poboación que puidese ser posible obxecto de intervención (15-54 anos), xa que en 2003 o IGE acababa de administrar outra enquisa coa mesma finalidade (González et al., 2011; González, Rodríguez, Fernández, Loredo, & Suárez, 2006, 2008; Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994, 1995, 1996). Por último, mencionamos os estudos sobre Conocimiento y uso de las lenguas en España (Siguán, 1994, 1999). Esta serie, composta por dúas investigacións realizadas polo Centro de Investigacións Sociolóxicas, ten como ámbito de análise todas as comunidades con lingua propia. A diferenza substancial desta serie fronte ao resto é a capacidade para comparar resultados de diferentes linguas (a partir de agora, CIS-1994, 1999).

Despois de que os medios de comunicación desen conta dos resultados do IGE-2013, dunha forma moi sucinta, o Seminario de Sociolingüística da RAG está realizando unha análise en profundidade dos datos demolingüísticos dispoñibles ata o momento, centrándonos nos resultados do IGE-2013. Esta análise seguirá as liñas de estudos previos realizados polo Consello da Cultura para as enquisas do IGE-2008 e IGE-2003 (Monteagudo, Carballo, & Casares, 2011; Monteagudo, Lorenzo, Casares, Loredo, & Suárez, 2005). Este estudo está planificado para saír en dúas fases: a) A sociedade e o idioma (1992-2013); b) A transmisión lingüística interxeracional.

Este artigo ten dúas partes diferenciadas. A primeira parte ten como obxectivo analizar a evolución da situación da lingua galega nas principais variables demolingüísticas (i.e. competencias lingüísticas, uso lingüístico habitual do galego, lingua inicial, lingua habitual).  A segunda parte destinada a analizar o nivel de ruptura da transmisión interxeracional familiar do galego.

 

2. MÉTODO

2.1. MICRODATOS


Os microdatos utilizados para realizar este estudo foron: IGE-2003, IGE-2008, IGE-2013 e MSG-92, esta última soamente para análise de competencias.  As bases de datos complementarias serán as relacionadas co Censo Lingüístico: CL-1991, 2001 e 2011.

As Figuras 1 e 2 presentan as características dos estudos mencionados e outras investigacións demolingüísticas de carácter xeral realizadas en Galicia. A Figura 1 está centrada nos datos dos Censos Lingüísticos e evidencia a diferenza entre os CL-1991 e 2001 fronte ao CL- 2011, os dous primeiros recollen toda a poboación obxecto de estudo mentres o CL-2011 é unha enquisa de gran tamaño, en concreto de 207.942 persoas[1].

   

Figura 1. Censos Lingüísticos. Distribución por anos e tamaño da mostra


A Figura 2 presenta os principais estudos demolingüísticos representados nun eixe de tamaño da mostra e ano da administración da enquisa.  As investigacións presentadas son: Mapa(s) Sociolingüístico(s) de Galicia (MSG), Enquisa(s) de Condicións de Vida do IGE (IGE), Conocimiento y Uso de las Lenguas en España do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) e, por último, a enquisa realizada polo Observatorio da Lingua Galega (a partir de agora, OLG)[2].  Non se inclúe nesta relación investigacións sociolingüísticas sectoriais porque non entran nos obxectivos deste traballo. (e.g. Ayestarán & De la Cueva, 1974; Rojo, 1979).

 

Figura 2. Estudos demolingüísticos xerais. Distribución por anos e tamaño da mostra*


2.2. MEDIDAS


Este estudo analizará: a) as competencias lingüísticas autopercibidas, b) usos lingüísticos do galego a través da pregunta do Censo Lingüístico, c) lingua inicial, d) lingua habitual e, e) índice de transmisión lingüística interxeracional do galego.

As competencias lingüísticas autopercibidas en galego estudaranse desde dúas perspectivas diferentes: a) datos do Censo Lingüístico onde soamente se pregunta se se ten capacidade para entender, falar, ler e escribir e en galego; e b) pregunta utilizada nos Mapas Sociolingüísticos e IGE onde se lle pide ao enquisado que valore as súas competencias nunha escala de catro puntos (i. e. nada, pouco, bastante, moito) nas catro destrezas. Para a exposición dos resultados utilizarase o concepto de ‘dominio efectivo’, concepto que consiste en sumar as alternativas ‘moito’ e ‘bastante’ (Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994).

O estudo da transmisión lingüística familiar interxeracional realizouse a través do Índice de Transmisión Interxeracional (ITI). O ITI provén da adaptación dun indicador utilizado en Cataluña (Fabà & Montoya, 2012; Miralles & Abat, 2011; Torres-Pla, 2006). Este índice amosa o cambio lingüístico que se produce entre a herdanza lingüística recibida polo individuo e a escollida para os fillos, constituíndo unha das formas de medir a vitalidade dunha lingua (Torres-Pla, 2009). En Galicia, un índice destas características foi utilizado no OBLG-2007 (Observatorio da lingua galega, 2007) e polo Seminario de Sociolingüística que utilizou un indicador chamado ICEP[3]

Este traballo utiliza unha modificación do indicador proposto por Torres-Pla (2009) en dous aspectos: a) este autor utiliza como unha das variables a ‘lingua falada cos pais’, aquí utilizase a ‘lingua na que lle falaban os seus pais cando eran nenos’; b) utiliza a %LAPa mentres aquí utilizamos a %LAPb, é dicir, soamente escollemos a poboación con fillos. No seu artigo xustifica que apenas existen diferenzas entre utilizar unha formula ou outra.  En definitiva, para este artigo escóllese a fórmula (2) fronte a (1) para o ITI[4].

 

%LAPa= porcentaxe dos que falaban a lingua A cando eran pequenos de forma exclusiva ou predominante cos proxenitores.

%LAPb= porcentaxe dos que falaban a lingua A cando eran pequenos de forma exclusiva ou predominante cos proxenitores e teñen fillos.

%LAF= porcentaxe dos que falan a lingua A de forma exclusiva ou predominante cos fillos.

O resultado final é unha puntuación que oscila entre -1 e +1 que, por tanto, permite xerarquizar as diferenzas de intensidade do avance ou retroceso dunha lingua. Este índice levará por nome ITIGal.

 

3. RESULTADOS

3.1. OS COÑECEMENTOS LINGÜÍSTICOS


A finalidade deste apartado é analizar os coñecementos lingüísticos en galego da poboación galega. Por coñecemento lingüísticos entendemos a capacidade para entender e ler –habilidades receptivas- e a capacidade para falar e escribir –habilidades produtivas- que teñen os galegos de cinco ou máis anos na lingua propia.  As medidas que se van utilizar caracterízanse por ser autoavaliacións en relación a uns criterios propios, criterios que son descoñecidos polos investigadores (Solé, 2008)

Os resultados do Censo Lingüístico sobre as competencias lingüísticas dos galegos indican que case a totalidade da poboación comprende oralmente esta lingua, incluso na produción oral, a porcentaxe de persoas que se autoavalían como competentes para falar en galego é lixeiramente superior ao 90% (Figura 3). A análise evolutiva das competencias orais desde 1991 ata 2011 indica que o número de persoas que comprenden a lingua galega aumentou en máis de 100.000 persoas e, case en 30.000 os enquisados que poden falalo. Centrándonos na capacidade lectoescritora, esta habilidade aumentou considerablemente en dez anos (1991-2001, non hai datos de 2011), xa que a porcentaxe de persoas que teñen a capacidade para ler e escribir en galego aumentou cerca de vinte puntos (Figura 3)[5].

   

Figura 3. Competencias lingüísticas dos galegos (%)

Fonte: Datos do Censo de Poboación e Vivendas de 1991, 2001 e 2011*.

Poboación: Poboación de 5 ou máis anos

*Os resultados das habilidades lectoescritoras do Censo Lingüístico galego de 2011 non están dispoñibles

 A evolución do ‘dominio efectivo’ das competencias en galego (Figura 4) nas persoas de 15 ou máis anos, 16 ou máis no caso do MSG-1992, está caracterizada por unha estabilidade nas competencias orais, tanto activas como pasivas, con datos semellantes ao do Censo Lingüístico.  A poboación cun dominio efectivo nas competencias de comprensión escrita case se duplicou entre 1991 e 2003. A partir dese momento, en ‘porcentaxes totais’, sufriu un certo estancamento.

 

Figura 4. Evolución do ‘dominio efectivo’[6] das competencias lingüísticas en galego desde 1992 a 2013 (%)

Fonte: Mapa Sociolingüístico de Galicia 1992 e Enquisa de condicións de vida das familias 2003, 2008 e 2013.

Poboación: Galegos/as de 15 ou máis anos no IGE (2003, 2008, 2013) e galegos/as de 16 ou máis anos no MSG (1992).

   

A figura 5 presenta o dominio efectivo dos galegos nas destrezas expresivas, tanto orais coma escritas, segundo a idade, en 2013 (IGE-2013).  Os resultados indican unha continua evolución positiva na destreza escrita a medida que a idade dos enquisados é menor. Esta tendencia pódese resumir en que un 16,85% das persoas maiores de 75 anos teñen a capacidade efectiva para escribir en galego, mentres nos de 15 a 19 a porcentaxe aumenta ata un 92,17%.  De feito, a figura 5 reflicte un fenómeno de inversión entre dominio efectivo escrito e oral.  Este efecto consiste en que, mentres nos maiores de 75 anos hai unha distancia de 80,64 puntos entre as persoas cunha capacidade para falar en galego fronte as persoas que son capaces expresarse por escrito, nos tramos de idade máis nova (i.e. 15-19, 20-24) hai unha porcentaxe lixeiramente superior de persoas que son capaces de expresarse por escrito en galego fronte as que son capaces de expresarse oralmente (i.e. 15-19 anos: 3,58%).  Esta tendencia xa se percibía no tramo de 10 a 14 anos do Censo Lingüístico de 2001 e aquí as diferenzas eran incluso maiores (i.e. 7,37 puntos).

 

Figura 5. Dominio efectivo na expresión oral e escrita en galego segundo a idade.2013 (%)

Fonte: Enquisa de condicións de vida das familias 2013.

Poboación: Galegos/as de 15 ou máis anos.

 

3.2. AS LINGUAS EN GALICIA

3.2.1. O CENSO LINGÜÍSTICO

A primeira aproximación ás linguas en Galicia facémola a través dos datos de utilización do galego recollidos nos Censos Lingüísticos (Figura 6).  A principal conclusión que se pode tirar da comparación dos resultados de 1991 e 2001 é a existencia dunha certa estabilidade na utilización do galego.  Resumindo, nesa década, un millón e medio de galegos indicaban utilizar ‘sempre’ a lingua galega e oitocentas facíano ‘ás veces’.  A diferenza correspóndese co número persoas que sinalaban que ‘nunca’ utilizaban o galego , xa que a súa cifra duplicouse neses dez anos. Hai que sinalar que o CL-1991 ten unha porcentaxe importante de casos perdidos ( 5,36%).

Os datos de utilización do galego, despois da ‘relativa’ estabilidade entre 1991 e 2001, sufriron unha involución importante, as persoas que sinalaban que utilizaban ‘ás veces’ galego superaron en número ás persoas que indicaban que ‘sempre’ falaban galego. En definitiva, este último grupo perdeu máis de 270.000 falantes monolingües en galego.

 

Figura 6. Uso da lingua galega en 1991, 2001 e 2011 (N)

Fonte: Datos do Censo de Poboación e Vivendas de 1991, 2001 e 2011.

Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos

*Censo de Poboación e Vivendas de 1991. Alternativa ‘non consta’: 142.166 persoas (5,36%)

 

3.2.2. A LINGUA INICIAL


Os datos recollidos na última enquisa do IGE acerca da variable lingua inicial ou lingua que aprendeu a falar cando era neno (Figura 7) indican que en 2013 os galegos de 5 ou máis anos aprenden a falar maioritariamente en galego (40,86%), seguidos a dez puntos polos castelanfalantes iniciais (30,88%) e, a pouca distancia, polos bilingües iniciais (25,26%).  A análise da evolución dos resultados, tendo en conta os datos do IGE-2004, IGE-2008 e IGE-2013, indica que a poboación con lingua inicial ‘galego’ vai diminuíndo progresivamente mentres aumenta a porcentaxe de persoas que aprenden a falar nas dúas linguas.

 

Figura 7. Lingua inicial en 2003, 2008 e 2013 (%)

Fonte: Enquisa de Condición de Vida das Familias, 2003, 2008 e 2013.

Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos.

 

Utilizando de referencia para a análise os valores absolutos, os resultados da lingua inicial (Táboa 1) indican que os bilingües iniciais duplicáronse nos dez anos transcorridos entre 2003 e 2013 (54,1%), pola contra os galegofalantes iniciais descenderon un 21,79%.  Os castelanfalantes iniciais apenas sufriron variación (+2,19%).

Analizando aos galegofalantes iniciais por tramos (i.e. 2003-2008 e 2008-2013) percíbese unha aceleración progresiva da perda de falantes (2003-2008:-112.604; 2008-2013: -180.791).  A situación dos castelanfalantes iniciais foi cambiante nesta década.  O primeiro tramo reflectía que estas persoas diminuían (-73.045), mentres, pola contra, estes últimos anos o seu número aumentaba (+90.074).  Esta oscilación entre o primeiro e segundo período temporal tamén está presente nos bilingües iniciais: aumento en 2003-2008 (+181.345) e redución do aumento no segundo tramo (+48.159).

 

Táboa 1. Lingua inicial da poboación galega de 5 ou máis anos, en valores absolutos. Anos 2003, 2008 e 2013

  A B C 2003-2008 2008-2013 2003-2013
  2003 2008

2013

B-A (B-A)/A % C-B (C-B)/B % C-A (C-A)/A %
As dúas 421.798

603.143 651.302 181.345 42,99% 48.159 7,98% 229.504 54,41%
Galego 1.346.716 1.234.112 1.053.321 -112.604 -8,36% -180.791 -14,65% -293.395 -21,79%
Castelán 779.140 706.095 796.169 -73.045 -9,38% 90.074 12,76% 17.029 2,19%
Outras 41.720 63.104 77.178 21.384 51,26% 14.074 22,30% 35.458 84,99%
TOTAL 2.589.375 2.606.453 2.577.969 17.078 0,66% -28.484 -1,09% -11.406 -0,44%

Fonte: Elaboración propia. IGE, Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2003, 2008 e 2013.

 

A representación gráfica dos resultados de lingua inicial das series do IGE utilizando valores absolutos (Figura 8) permite observar visualmente a súa evolución.  A maiores, represéntase a liña da tendencia de evolución dos datos ata 2016[7].

O IGE estimaba que en 2003 existían 1.346.716 persoas que aprenderon a falar ‘en galego’, cifra que se foi reducindo aceleradamente ata chegar en 2013 ao millón de persoas (1.053.312).  As previsións indican que a partir de 2015 esta cifra será inferior ao millón de persoas.  Estímase que o número de bilingües iniciais en 2015 acadará o número de 700.000 persoas.

Sen realizar unha estimación en firme da evolución dos castelanfalantes iniciais, todos os datos indican que o número será superior a 796.169.  A pregunta que se nos presenta é se entre 2013 e 2018 o número de falantes iniciais ‘en castelán’ aumentará na mesma medida, menos ou máis que entre 2008 e 2013 (12,76%)[8]. Asumindo unha tendencia igual que entre 2008 e 2013, en 2018 o número de castelanfalantes iniciais en 2018 será arredor de 900.000, moi próximo ao número de galegofalantes iniciais.

 

Figura 8. Evolución da lingua inicial da poboación galega de 5 ou máis anos desde 2003 a 2013, en valores absolutos. Previsións de evolución a 2016.*

Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos

Fonte: Enquisa de Condición de Vida das Familias, 2003, 2008 e 2013.

 

3.2.3. A LINGUA HABITUAL


A lingua habitual dos galegos entre os anos 2003 e 2013 evolucionou en porcentaxes xerais a favor do castelán.  Os monolingües en castelán aumentaron desde o 19,56% en 2003 ao 25,95% en 2013 (Figura 9).

 

Figura 9. Lingua habitual dos galegos en 2003, 2008 e 2013

Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos

Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das Familias, 2003, 2008 e 2013

 

No resto de alternativas, a comparativa complícase, xa que na enquisa de 2003 semella que os enquisados utilizaron criterios diferentes para realizar as súas escollas bilingües ou monolingües.  Esta primeira serie do IGE obtén unhas cifras de monolingüísmo significativamente máis avultadas que nas enquisas de 2008 e 2013, incluso que na enquisa do MSG-1992[9].  Tratando de minimizar esta distorsión comparouse galego (i.e. só galego,  máis galego) fronte a castelán (i.e. só castelán, máis castelán).  Os resultados sobre a evolución do uso da lingua galega indican un descenso progresivo que oscila desde o 61,2% en 2003 ata un 50,9% en 2013 (Figura 7).

Como mencionabamos, a evolución dos resultados de lingua habitual dos anos 2003, 2008 e 2013 difiren significativamente.  En cifras xerais, os monolingües habituais en galego diminuíron un 29,08%, diminución que recaeu no tramo de 2003-2008, mentres o número de bilingües nesta lingua en cifras totais aumentou (8,81%), aínda que, analizándoo por tramos, entre 2003-2008 case se duplicaron (45,75%) fronte ao sucedido entre 2008-2013, que diminuíron un 25,35%.  O número de persoas que falaban habitualmente en castelán aumentou un 31,15% entre 2003-2013, aumento que se focalizou nos últimos anos (2008-2013).

 

Táboa 2. Lingua habitual da poboación galega de 5 ou máis anos en valores absolutos. Anos 2003, 2008 e 2013.

  A B C 2003-2008 2008-2013 2003-2013
  2003 2008

2013

B-A (B-A)/A % C-B (C-B)/B % C-A (C-A)/A %
En galego 1.112.670 779.297 789.157 -333.373 -29.96% 9.860 1.27% -323.513 -29.08%
Máis galego 471.781 687.618 513.325 215.837 45.75% -174.293 -25.35% 41.544 8.81%
Máis castelán 484.881 583.880 563.135 98.999 20.42% -20.745 -3.55% 78.254 16.14%
En castelán 506.322 521.606 664.052 15.284 3.02% 142.446 27.31% 157.730 31.15%
Outras

13.005

28.622 29.536 15.617 120.08% 914 3.19% 16.531 127.11%
TOTAL 2.588.659 2.601.023 2.559.205 12.364 0.48% -41.818 -1.61% -29.454 -1.14%

Fonte: Elaboración propia. IGE, Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2003, 2008 e 2013.

 

Para analizar a evolución dos usos lingüísticos habituais en Galicia desde 2003 a 2013 e facer unha proxección a curto prazo, escolléronse as alternativas de ‘galego’ (i.e. só galego e máis galego), ‘castelán’ (i.e. só castelán e máis castelán) e ‘outras’.  Desta forma expóñense os resultados dunha forma máis clara e ao mesmo tempo que se aumenta a fiabilidade dos resultados.

A figura 10 indica que o número de persoas que falan galego diminuíu desde máis de 1.580.000 en 2003 a arredor de 1.300.000 en 2013, mentres o número de castelanfalantes aumentaba en máis de 200.000 persoas nesa mesma década.  Simplificando, o galego segue a ser lingua maioritaria en 2013, aínda que cunha pequena diferenza de 70.000 falantes co castelán.  As previsións indican que 2015 será o punto de inflexión para a lingua galega e esta pasará a ser a lingua minoritaria en Galicia.  Este proceso de perda de falantes podería acelerarse aínda máis pola falta de masa social galegofalante nos tramos máis novos e en contextos urbanos.

 

Figura 10. Lingua habitual da poboación galega de 5 ou máis anos, en valores absolutos. Anos 2003 a 2013. Previsións de evolución a 2015.

 Poboación: Galegos/as de 5 ou máis anos

Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das Familias, 2003, 2008 e 2013

 


3.3. A TRANSMISIÓN LINGÜÍSTICA INTERXERACIONAL (ITIGAL)

 

Os resultados do ITIGal resumen a situación de cambio interlingüístico entre a herdanza lingüística recibida dos pais e a herdanza lingüística transmitida polo individuo.  A situación que se desprende dos datos do IGE-2008 e IGE-2013 é un índice de transmisión lingüística cara ao galego negativo (véx. Figura 11).  A transmisión familiar interxeracional do galego está mediatizada por unha significativa introdución do castelán.  O ITIGal no IGE-2008 indícanos que a presenza do galego no contexto familiar vai diminuíndo (-0,14), presenza que segue a diminuír no 2013 (-0,16).

 

Figura 11. A transmisión lingüística do galego (ITIGal) en 2008 e 2013 (%)

Poboación: Galegos/as con fillos/as.

Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2008 e 2013

 

Os índices de transmisión interxeracional presentados ata agora non permiten afondar na evolución do ITIGal, soamente permite comparar a situación de 2008 coa de 2013.  A Figura 13 analiza a evolución deste índice utilizando o ano de nacemento como variable evolutiva.  Os resultados indican que, en maior ou menor medida, a ruptura da transmisión interxeracional do galego está presente desde os nados nos anos trinta e ata os nados na década dos noventa.  O ITIGal desde os anos trinta situouse nunhas cifras próximas ao -0,15 e foi a partir dos anos setenta cando esa ruptura interxeracional aumentou a cifras arredor do -0,20 ata principios dos anos oitenta. Desde finais dos anos oitenta ata finais dos noventa, os datos non son concluíntes por varias causas: a) idade dos enquisados; b) pouca representatividade da mostra de persoas con fillos desas idades.  Non obstante, un resultado que se pode extraer, tendo en conta os problemas de validez destes datos, é que os índices son inferiores aos acadados nos nados na década dos setenta e principios dos oitenta, aínda que haberá que realizar máis análise para confirmar estes resultados.

 

Figura 2. Evolución da transmisión interxeracional do galego (ITIgal) por ano de nacemento. Diferenzas entre os resultados dos ITIgal dos nados con idade media entre 1935 e 1981 (ITIgal_axustado) e os nados con idade media entre 1986 e 1996 (ITIgal_desaxustado)

Fonte: Enquisa de Condicións de Vida das Familias 2013

 

4. CONCLUSIÓNS

 

A sociolingüística galega avanzou moito no ámbito demolingüístico en Galicia desde 1992 grazas ao pulo que lle proporcionou o Mapa Sociolingüística de Galicia.  Na actualidade, conta cunha serie de enquisas demolingüísticas (i.e. González et al., 2006; Instituto Galego de Estatística. IGE, 2004, 2008, 2013; Observatorio da lingua galega, 2007; Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994) que lle permiten realizar unha radiografía da evolución sociolingüística en Galicia desde 1992 ata 2013, incluso se poden realizar proxeccións ata principios do século XX utilizando a variable idade e variables sociolingüísticas non dependentes do contexto actual (i.e. lingua inicial, lingua que se falaba cos pais cando era pequeno) ou predicións de futuro (i.e. Seoane, Casares, Monteagudo, & Mira, n.d.). De forma complementaria, os Censos Lingüísticos proporcionan unha información importante para complementar a radiografía da situación do galego, especialmente cando se quere realizar un estudo cunha representatividade a nivel concello ou comparalo cos datos doutras comunidades con lingua propia.

Os niveis de competencia lingüística autopercibida en galego poden valorarse como bos, tanto nas destrezas comprensivas como expresivas.  A porcentaxe de comprensión oral do galego aproxímase ao 100% e a proporción de enquisados que indican que poden falar galego están próximas ao 90%.  As proporción de persoas con destrezas escritas suficientes en galego son inferiores ás orais, especialmente cando se valora a expresión escrita, onde as cifras xerais se aproximan ao 60% da poboación. A comprensión escrita acércase ás cifras das destrezas orais (84,78%)[10].  A evolución das destrezas lingüísticas indica unha estabilidade nas destrezas orais desde 1992 e un comportamento desigual nas destrezas escritas.  A comprensión escrita aumentou significativamente de 1992 a 2003, sufrindo a partir dese ano unha certa paralización do dominio efectivo da poboación, quedando en porcentaxes próximas ao 85% do total.  A porcentaxe de persoas cunha capacidade para expresarse en galego por escrito aumentou axustándose a unha pendente que se vai suavizando co transcurso do tempo, acercándose na actualidade a porcentaxes próximas ao 60%.

Enfocando o estudo das competencias lingüísticas por idade, o panorama sociolingüístico é revelador.  O dominio da expresión escrita evoluciona na enquisa do IGE-2013 desde un 16,85% na poboación de maiores de 75 ata un 92,17% nos rapaces de 15 a 19 anos. De feito, atopámonos cun dato significativo, nos maiores de 75 hai un 80,64% da poboación que sabe falar en galego pero non sabe escribir, pola contra, hai un 3,58% da poboación de entre 15 e 19 anos que indica ter un dominio efectivo para escribir en galego, pero considera que non ten a destreza suficiente para falalo.  Esta circunstancia non é única dese tramo de idade, ese mesmo perfil repítese entre os que teñen entre 20 e 24 anos e confirmábase con datos do Censo Lingüístico de 2001.

Este artigo afondou no estado da situación das linguas en Galicia a través dos Censos Lingüísticos e os datos da serie do IGE-2003, 2008 e 2013.  Utilizouse a pregunta de usos lingüísticos do Censo de Poboación e Vivenda para ter un visión xeral da situación desde 1991 ata 2011 e as dúas variables sociolingüísticas (i.e. lingua inicial, lingua habitual) para estudar a evolución neste século.  O primeiro resultado de importancia proveniente do Censo Lingüístico fai referencia á existencia dun certo período de estabilidade entre 1991 e 2001, aínda que con algunhas oscilacións no número de falantes dunha ou outra opción.  As grandes diferenzas están centradas entre os anos 2001 e 2011.  Neste intervalo temporal, a lingua galega perdeu un total de 311.294 de falantes monolingües, manténdose un número importante de persoas que nunca falaron esta lingua (287.837).

O IGE-2013 indica que a lingua inicial maioritaria dos galegos segue a ser o galego (40,86%), seguida polo castelán (30,88%) e as dúas (25,26%). Por si mesmos, estes resultados seguen a ser favorables cara á lingua galega, o problema xorde cando se analiza a súa evolución desde 2003 a 2013. No transcurso destes dez anos, o número de persoas que sinalan o ‘galego’ coma a súa lingua inicial diminuíu un 21,79%, en contrapartida ao número de persoas que sinalaban ‘as dúas’ que aumentou un 54,41%.

Os resultados de lingua habitual do IGE-2013 confirma os datos de usos do Censo Lingüístico.  A lingua utilizada maioritariamente polos galegos de 5 ou máis anos en 2013 era o galego, a porcentaxe total de galegofalantes (i.e. só galego, máis galego) era dun 50,9%, a diferencia era de arredor de 70.000 falantes.  Seguindo a mesma tendencia que a lingua inicial, nestes dez anos (2003-2013) o número de monolingües en galego diminuíu un 29,08%, mentres aumentaba un 31,15% o número de monolingües en castelán.  Destacamos como dato positivo que o número de bilingües en galego aumentou un 45,75% nos primeiros anos (2003-2008).  Unha das conclusións máis importantes que se poden extraer dos resultados analizados é que a lingua galega deixará de ser a lingua maioritaria de Galicia en 2015 (ano en curso), se seguen as tendencias observadas.

Despois das conclusións anteriores, resulta evidente que en Galicia existe unha ruptura da transmisión lingüística interxeracional.  O problema que se suscitaba cando decidimos introducir a análise deste construto era: de que calibre?  Os resultados indicaron que a ruptura interxeracional oscilaba entre un 14% no IGE-2008 e un 16% no IGE-2013, ruptura centrada nos monolingües en galego e nas persoas que naceron na década dos 70.

En definitiva, as principais conclusións que se poden tirar deste artigo son que mentres os resultados das competencias autopercibidas lectoescritoras en galego son positivas, os datos sobre a lingua habitual e inicial empeoraron. As previsións para a lingua habitual indican que o castelán será a lingua maioritaria dos galegos en 2015 e que arredor do ano 2020, os galegos deixarán de aprender maioritariamente en galego para aprender maioritariamente en galego e castelán[11].  Respecto da transmisión interxeracional, sinalamos que a maior ruptura produciuse nos nacidos na década dos anos setenta, circunstancia que estamos sufrindo nestes momentos xa que esa xeración está inmersa en pleno proceso de transmisión lingüística da seguinte xeración.

 



 

Referencias bibliográficas

 

Abrams, D., & Strogatz, S. (2003). Linguistics: Modelling the dynamics of language death. Nature, 424, 900. Retrieved from http://www.nature.com/nature/journal/v424/n6951/abs/424900a.html

Ayestarán, M., & De la Cueva, A. (1974). Las familias de la provincia de Pontevedra en 1974. Sevilla, Instituto de Ciencias de la Familia. Sevilla: Instituto de Ciencias de la Familia. Retrieved from http://scholar.google.es/scholar?q=Las+familias+de+la+provincia+de+pontevedraa&btnG=&hl=en&as_sdt=0,5#2

Fabà, A., & Montoya, B. (2012). La transmissió lingüística intergeneracional del català al País Valencià. Una perspectiva territorial. Caplletra. Revista Internacional de Filologia, 53(0214-8188), 211–231. Retrieved from http://www.raco.cat/index.php/Caplletra/article/view/267984

González, M., Rodríguez, M., Fernández, A., Loredo, X., & Suárez, I. (2006). Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004. Lingua inicial. Santiago de Compostela: Real Academia Galega. Retrieved from http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/e33883ec-666e-4944-a634-4acc80ac4ad6

González, M., Rodríguez, M., Fernández, A., Loredo, X., & Suárez, I. (2008). Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004: Usos lingüísticos en Galicia. A Coruña: Real Academia Galega. Retrieved from http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/9940f4f1-a5fb-40f6-b931-0dd909515150

González, M., Rodríguez, M., Pereiro, A., Loredo, X., Suárez, I., & Salgueiro, E. (2011). Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004: Actitudes lingüísticas en Galicia (Vol. III). A Coruña: Real Academia Galega. Retrieved from http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/fa7b8451-080f-4d0e-89f8-1d2dda863feb

Instituto Galego de Estatística. IGE. (2004). Enquisa de Condicións de Vida das Familias. Coñecemento e Uso do Galego. Ano 2003. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellaría de Economía e Facenda.

Instituto Galego de Estatística. IGE. (2008). Enquisa de Condicións de Vida das Familias. Coñecemento e uso do Galego. IGE. Retrieved from https://www.ige.eu/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?idioma=gl&codigo=0206004

Instituto Galego de Estatística. IGE. (2013). Enquisa de Condicións de Vida das Familias. Coñecemento e Uso do Galego. Ano 2013. Santiago de Compostela: Instituto Galego de Estatística (IGE).

Mira, J., Seoane, L. F., & Nieto, J. J. (2011). The importance of interlinguistic similarity and stable bilingualism when two languages compete. New Journal of Physics, 13(3), 033007. doi:10.1088/1367-2630/13/3/033007

Mira, J., Seoane, L. F., & Paredes, A. (2010). Can two languages coexist within the same community of speakers ? Contributions to Science, 6(1), 21–26. doi:10.2436/20.7010.01.79

Miralles, A. M. i, & Abat, B. M. (2011). La transmissió lingüística del català: estat de la qüestió i avaluació analítica. Treballs de Sociolingüística …, 21(: 0211-0784), 95–103. Retrieved from http://130.206.88.107/revistes224/index.php/TSC/article/viewArticle/53852

Monteagudo, H., Carballo, P., & Casares, H. (2011). O idioma galego na sociedade: a evolución sociolingüística 1992-2008. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

Monteagudo, H., Lorenzo, A., Casares, H., Loredo, X., & Suárez, I. (2005). A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992 - 2003). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

Observatorio da lingua galega. (2007). Situación da lingua galega na sociedade Observación no ámbito da cidadanía. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Presidencia. Secretaria Xeral de Política Lingüística. Retrieved from http://www.observatoriodalinguagalega.org/?q=node/25&Bl=1

Rojo, G. (1979). Aproximacion actitudes linguisticas profesorado EGB en Galicia. Santiago de Compostela: Instituto de Ciencias de la Educación, Universidade de Santiago de Compostela.

Seminario de Sociolingüística da RAG. (1994). Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia: compendio do volume I do mapa sociolingüístico de Galicia. A Coruña: Real Academia Galega.

Seminario de Sociolingüística da RAG. (1995). Usos lingüísticos en Galicia: compendio do II volume do mapa sociolingüístico de Galicia. A Coruña: Real Academia Galega.

Seminario de Sociolingüística da RAG. (1996). Actitudes lingüísticas: compendio do volume III do mapa sociolingüístico de Galicia. A Coruña: Real Academia Galega.

Seoane, L. F., Casares, H., Monteagudo, H., & Mira, J. (n.d.). A evolución do bilingüismo en Galicia : proxeccións a longo prazo por áreas xeográficas.

Siguán, M. (1994). Opiniones y Actitudes. Conocimiento y Uso de las lenguas en España. Madrid: Centro de Investigacións Sociológicas.

Siguán, M. (1999). Opiniones y Actitudes no 22 Conocimiento y Uso de las Lenguas. Madrid: Centro de Investigacións Sociológicas.

Solé, J. (2008). Enquesta d ’ usos lingüístics de la població 2008 : anàlisi. Volum I . Les llengües a Catalunya : coneixements , usos ,transmissió i acctituds lingüistics. Barcelona: Generalitat de Catalunya. Departament de Cultura. Direcció Generel de Política Lingüística.

Torres-Pla, J. (2006). Enquesta sobre els usos lingüístics a Andorra 2004. Llengua i societat a Andorra en els inicis del segle XXI. Barcelona: eneralitat de Catalunya, Secretaria de Política Lingüística.

Torres-Pla, J. (2009). La transmissió lingüística familiar intergeneracional: una proposta de model d’anàlisi. In I. Vila & F. X. Moreno (Eds.), Estudis de demolingüística: Actes de la Primera Jornada de Demolingüística de la Xarxa CRUSCAT (pp. 23–37). Barcelona: Institut d’Estudis Catalans. Retrieved from http://publicacions.iec.cat/repository/pdf/00000062%5C00000078.pdf

Nota do autor:

A correspondencia relacionada con este artigo pode ser enviada á Biblioteca de Galicia, soto -1. Monte Gaias. 15707. Santiago de Compostela.

Contacto: sociolinguistica@academia.gal

 



[1] Para máis información para as características do ‘Censo de Poboación e vivendas. Coñecemento e Uso do Galego. Ano 2011’ véxase http://www.ige.eu/estatico/pdfs/s3/notasExplicativas/notas_Censo_Galego_2011.pdf

[2] O estudo demolingüístico a que facemos referencia aquí é o relacionado co ámbito da cidadanía. Este organismo realizou estudos sobre ámbitos concretos (i.e. educación, Internet, organismos de intermediación, economía e empresa, sanidade, tecnoloxías da información e da comunicación, tecido asociativo, medios de comunicación, administración).

[3] Os resultados deste índice presentáronse por este mesmo autor no relatorio ‘A fractura da transmisión interxeracional da lingua galega. Canto, cando e como’. X Curso de Verán sobre a Dinamización Lingüística para a transmisión interxeracional do galego, o 9, 10 e 11 de Xullo de 2014. Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística.

[4] Hai que sinalar que existe un ITI corrixido segundo a natalidade diferencial atendendo á lingua. Os datos para aplicar ese indicador estanse a preparar para a súa análise e posterior publicación.

[5] Os resultados de competencia para ler e escribir abarcan desde o 5 ou máis anos.  Analizando os resultados destas destrezas de 2001 por idade, obsérvase que a porcentaxe de persoas entre 5 e 9 anos capaces de ler e escribir diminúe case 45 e 50 puntos, respectivamente, en relación ao tramo de idade seguinte (i.e. 10 a 14 anos). Habería que estudar se para analizar as competencias lectoescritoras habería que restrinxir o tramos de idade, comezando cos galegos de 10 ou máis anos.

[6] O ‘dominio efectivo’ correspóndese coa agrupación das opcións ‘moito’ e ‘bastante’ (ver apartado de Medidas).

[7] Non introduciu unha liña de tendencia en ‘castelán’ porque o axuste non era suficiente.

[8] Estanse a realizar predicións de escenarios futuros das principais variables sociolingüísticas incluíndo outras bases datos demolingüísticas e introducindo outra variables de evolución como a data de nacemento.  Paralelamente analízase o escenario galego utilizando o modelo de distancia interlingüística (Mira, Seoane, & Nieto, 2011; Mira, Seoane, & Paredes, 2010), ampliación do modelo de Abrams & Strogatz (2003).

[9] O MSG-1992 indicaba que o 38,7% dos galegos maiores de 15 anos falaba unicamente en galego fronte aos datos do IGE de 2003 que indicaban que 43,6% das persoas de 15 anos ou maiores eran monolingües en galego. En definitiva, estes datos indicaban que o número de galegofalantes monolingües aumentaran neses 11 anos.

[10] Galegos/as de 15 ou máis anos. 5 (IGE-2013)

[11] Hai que indicar que estas son previsións e, como tales, pódense modificar se o contexto se modifica.

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976