A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Daniel Romero Rodríguez

Daniel Romero Rodríguez é xestor de actividades culturais, deportivas, educativas e de normalización lingüística do Concello de Fene.

Foi membro da Ponencia de Lingua do Consello da Cultura Galega e do Informe de Planificación e Normalización Lingüística do citado organismo.
Colaborou coa empresa de comunicación visual Item- Aga na realización de campañas de dinamización lingüística e aplicacións informáticas. Fundador da emisora municipal Radio Fene e cofundador de galego.org e Vieiros, iniciativas que coordinou dende o seu nacemento ata 1997. É, así mesmo, autor do proxecto Ciberlingua nas súas tres edicións. 

Ademais de artigos en diferentes medios de comunicación e colaboracións en publicacións colectivas, é coautor dos libros Galicia, S.L., (1995) e Da periferia á Rede. Internet en Galicia: Lingua e contidos (2001). No 2006 traduciu do catalán o libro de Jordi Mas sobre sofware libre co título Sofware libre. Tecnicamente viábel, economicamente sostible e socialmente xusto.

 

Nº2: xaneiro-marzo 2013

Daniel Romero Rodríguez
O contorno educativo como elemento de dinamización lingüística

Daniel Romero describe neste artigo o plan de contorna desenvolvido nos anos 80 e 90 por un concello pioneiro no eido da normalización e dinamización lingüística: Fene, co obxectivo de estender o uso social da lingua.

Nese momento, cunhas condicións sociais favorables, créase un Servizo Municipal de Normalización Lingüística e Iniciativas Culturais no que converxen centros de ensino, movementos de renovación pedagóxica, movemento asociativo, monitores e monitoras de escolas deportivas e culturais, xornalistas e persoas de recoñecido prestixio no ámbito da normalización que desenvolven un plan de intervención sobre o conxunto da comunidade.

Sen un pouso doutrinal previo, vanse ensaiando distintas fórmulas de coordinación entre os axentes implicados que permiten poñer en marcha accións normalizadoras eficaces.


Versión en PDF


1. INTRODUCIÓN

No decurso desta exposición vou tentar debullar algúns dos programas de dinamización lingüística promovidos pola comunidade educativa, polo contorno dos centros de ensino de Fene e intermunicipais nos que puiden participar e que tiñan como principal destinatario o conxunto da comunidade.

Trátase de iniciativas encamiñadas á extensión do uso social do galego que foron posíbeis pola converxencia, a través de diferentes fórmulas organizativas, entre os equipos de normalización, o movemento asociativo, o Servizo Municipal de Normalización Lingüística e a colaboración económica, vía subvencións, doutras administracións, como a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

 

2. A COMUNIDADE EDUCATIVA COMO DESTINATARIA DA DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

2.1. O IMPORTANTE É O CONCEPTO

Con base na definición de Mercè Solé (1991), a dinamización bebe do eido da animación sociocultural e enténdese como a “aplicación sistemática dun conxunto de estratexias, técnicas e recursos que permitan xerar, xestionar e avaliar un proceso participativo de cambio lingüístico nun colectivo determinado e definido por unhas características comúns”.

Da definición de Solé podemos tirar:

  • Un obxectivo xeral → conseguir un cambio lingüístico.
  • Un destinatario → o colectivo previamente definido.
  • Un obxecto de traballo → xerar, xestionar e avaliar o proceso dinamizador.

Á vista da citada definición, o obxectivo xeral da dinamización debe consistir en promover e consolidar uns usos lingüísticos que garantan a comunicación na lingua dinamizada entre os membros do colectivo ou organización, xa que estes son os destinatarios das accións de dinamización.

A vertebración do labor lingüístico no sociocultural e viceversa, así como a súa operatividade, é obxecto de controversia maiormente pola tendencia que se rexistrou, e aínda se segue rexistrando no noso país, entre lingua-cultura, lingua-tradicións, lingua-celebracións, vínculos contraproducentes para a extensión do uso social do galego e a súa asociación a un proceso de modernización da sociedade.

Emporiso, nunha perspectiva superadora e máis acorde cos tempos, debemos enmarcar a dinamización lingüística na intervención/desenvolvemento da comunidade. Isto é, a lingua como elemento na vertebración e identificación dunha comunidade.

 

2.2. COMO ARTICULAMOS A CONVERXENCIA PARA DESENVOLVER PROGRAMAS DE DINAMIZACIÓN?

Abofé que cando comezamos a traballar non tiñamos todo este pouso doutrinal sobre a dinamización. Tiñamos moi claro que queriamos desenvolver iniciativas a prol da extensión do uso do galego e que, malia ser certo que cada centro de ensino tiña unhas características específicas que requirían medidas concretas aplicábeis ao centro en cuestión, non deixa de ser menos certo que, sobre todo nos concellos pequenos e medianos, que son a maioría do país, a situación de partida é máis ou menos a mesma ou, cando menos, ten un mínimo común denominador.

Este mínimo común denominador permitía –demandaba máis ben– plans de actuación sobre o conxunto da comunidade que asenta nese territorio; isto é, a coordinación entre os ENL e os servizos lingüísticos, o movemento asociativo e a Administración municipal para desenvolver actuacións de dinamización conxunta dirixidas a toda a poboación.

Que como articulamos esa colaboración? Aínda que ao longo do debate poden aparecer novas fórmulas, deseguido vou articular as que desenvolvemos no noso caso concreto:

  1. A través do Consello Municipal de Lingua ou órgano análogo, inicialmente e no suposto que nos ocupa, o Servizo de Normalización Lingüística. Como veremos posteriormente, os seus estatutos prevían a creación de comisións sectoriais ou a posibilidade de constituílas. Ten a vantaxe de que as actuacións de dinamización lingüística xorden no seo do órgano de participación na política lingüística local e o inconveniente de que os consellos sectoriais non son executivos, co que as medidas que se propoñan deberán ser aprobadas e dotadas orzamentariamente pola concellaría respectiva.
  2. Sen órgano formalizado. Isto é, a través de contactos puntuais entre o concello e os ENL individualizados ou agrupados en coordinadoras. Semella unha proposta democrática e participativa que ten como principal inconveniente as dificultades de captación de recursos económicos para os proxectos e a falta de estabilidade e continuidade de cara a abordar e desenvolver novas propostas.
  3. Mediante a creación dun órgano específico dotado de personalidade xurídica. Dito noutros termos, promovendo a creación dunha asociación cultural constituída polos propios ENL e o SNL do concello. A vantaxe principal é a autonomía funcional e financeira e os principais inconvenientes veñen derivados do grao de implicación das persoas que representan o ENL na asociación e de acadar un funcionamento baseado no consenso e non na dinámica de maiorías e minorías.

Polo que fai referencia ao noso caso en concreto, tal e como explicarei deseguido, experimentamos as tres, aínda que a máis interesante tanto pola súa formulación como na medida en que nos permitiu obter mellores resultados foi esta última, o órgano específico.

 

2.3. O CONTEXTO NO QUE NOS MOVEMOS

Antes de entrar a estudar polo miúdo as experiencias concretas, voume referir, aínda que sexa de xeito esquemático, a unha serie de extremos que as contextualizan e que resulta imprescindíbel ter en conta para entendelas na súa xusta dimensión:

  1. Empezamos a traballar en circunstancias moi favorábeis:
    • Relativa “bonanza” económica, sobre todo se a comparamos co que veu despois da reconversión naval.
    • O CEIP O Ramo como sede do Colectivo Avantar, un colectivo ao que hai que lle render mil e unha homenaxes. O seu labor a prol da galeguización do ensino e da renovación pedagóxica foi fundamental. Un colectivo que, ademais, dinamizou a comunidade educativa en Fene e noutros concellos de Ferrolterra.
    • Corporación municipal comprometida co proceso de normalización lingüística (crea SNL, o segundo de Galiza despois do de Redondela) e coas ideas moi claras a respecto dos campos en que cumpría incidir. Non hai que esquecer que dende o SNL se procede a crear Radio Fene (primeira emisora en galego, mesmo nace antes que a Radio Galega) e o Taller Municipal de Vídeo. Neste sentido, hai que recoñecer o labor do concelleiro César Martínez Yáñez, alma máter deste proceso e, xunto con Emilio Balado e Antonio Orozco, de moitas das iniciativas que se desenvolveron nestes anos.
    • Sociedade aberta, receptiva e moi vertebrada a través dos centros de promoción social e outras asociacións.

  2. Esas circunstancias favorábeis non se mantiveron ao longo dos anos.
    • A reconversión do sector naval traduciuse na perda de poboación, de recursos económicos, en problemas sociais...
    • A rede de centros derivada da aplicación da LOXSE fragmentou a comunidade educativa.
    • O movemento asociativo foi perdendo a vizosidade que o caracterizara.

  3. As fórmulas de converxencia ENL-SNL tamén variaron segundo os tempos e seguiron esta evolución:
    • A través dun órgano de participación.
    • Órgano con personalidade xurídica propia: S. C. O Camiñante
    • Coordinación non formalizada.

 2.4. AS ORIXES: COORDINACIÓN A TRAVÉS DUN ÓRGANO DE PARTICIPACIÓN

Cando en 1984 se constituíu o Servizo Municipal de Normalización Lingüística e Iniciativas Culturais, definíase como o órgano encargado de “levar a cabo proxectos que protexan o idioma galego e pular pola normalización tanto na Administración municipal como no seu uso público” e, ao mesmo tempo que se dotaba de persoal técnico, concibíase o SMNL1 como a canle de participación da sociedade na definición da política lingüística. Noutras palabras, viña ser unha mestura do que hoxe entendemos por SMNL e Consello Municipal da Lingua.

No SMNL converxían centros de ensino, movementos de renovación pedagóxica, movemento asociativo, xornalistas, monitoraxe de escolas deportivas e culturais e persoas de recoñecido prestixio no eido da normalización lingüística.

Unha das primeiras iniciativas da Comisión de Ensino do SMNL (converxencia concello-representantes centros de ensino e MRP) foi a Declaración de principios e obxectivos dos centros públicos, que se someteu á aprobación dos claustros e consellos de dirección en febreiro de 1984.

Esta declaración estruturábase en tres grandes bloques: elementos que forman a comunidade educativa, principios e obxectivos. Do seu articulado queremos facer fincapé nas seguintes definicións:

  • Ademais do alumnado, profesorado, pais e nais e persoal non docente, forman parte da comunidade educativa a comunidade social das parroquias a través dos seus entes representativos. Todos teñen o dereito e o deber de participar na xestión do centro cara a unha escola estatal como servizo público.
  • O centro declárase galego (principios).
  • (Obxectivos) Un ensino plural, participativo, non discriminatorio e científico acada a súa integridade, para nós, por medio dos seguintes puntos:
    • Que rapaces e rapazas teñan conciencia da súa pertenza a unha comunidade social modeladora dunha cultura concreta.
    • Arbitrar os medios para que o alumnado conserve/recupere, a través da escola, a identidade lingüística cultural galega, non como subproduto, senón acadando con dignidade o posto que lle corresponde.
    • Que coñezan e valoren o pasado sociocultural da súa comunidade como un elemento conformador do propio ser colectivo.

A outra das actuacións máis sobranceiras desta etapa foi a creación da emisora municipal Radio Fene, medio que nos estatutos da Fundación Pública Padroado de Radio Fene, Emisora do Concello se define do seguinte xeito:2

“A Emisora do Concello, integrada no Servizo de Normalización Lingüística, configúrase como un elemento fundamental á hora de contribuír á normalización da expresión máis firme da nosa identidade colectiva: a nosa lingua. En consecuencia, o idioma oficial da emisora é o galego, sen prexuízo do recoñecemento dos dereitos lingüísticos individuais das persoas ou entidades ás que se lles solicite a súa colaboración ocasional ou ás que se lles invite para participaren nalgún dos seus programas. (...) A concepción da radio como un medio vivo e, xa que logo, participativo, dinamizador da vida do concello e capaz de achegar o labor municipal aos veciños, así como a consciencia do importante papel que ten que xogar á hora de recuperar a nosa lingua e cultura, son cuestións fundamentais que animan e motivan o nacemento da emisora”.

O Servizo de Normalización Lingüística evolucionou cara ao de servizo-unidade-de-traballo3, cambio que non levou aparellada a constitución dun Consello Municipal da Lingua, senón outro modelo de confluencia entre SMNL e comunidade educativa.

 

2.5. ÓRGANO FORMALIZADO CON PERSONALIDADE XURÍDICA PROPIA: A S. C. O CAMIÑANTE DE FENE

A confluencia ao redor da idea de que era posíbel actuar globalmente e un contexto favorábel a desenvolver unha acción conxunta que lle imprimise unha maior eficacia á acción normalizadora levounos á constitución da Sociedade Cultural O Camiñante de Fene.

Tratábase dunha asociación “atípica”4, xa que os seus socios non eran persoas a título individual, senón o concello a través do seu Servizo Municipal de Normalización Lingüística, os ENL dos centros de ensino, as ANPA, entidades culturais, veciñais e deportivas, algún comité de empresa...

Entre os programas máis interesantes desenvolvidos a través da S. C. O Camiñante cómpre salientar os programas de radio e televisión Fálame Sempre e a exposición etnolingüística “Cóntanos”.

2.5.1. Fálame Sempre

Conscientes da importancia dos medios de comunicación como ferramentas de educación informal e na consolidación ou cambio dos usos lingüísticos, tratamos de utilizar tanto os medios públicos locais (Radio Fene) como os privados que se recibían no concello (Canal 29) para promover actitudes positivas a prol do uso do galego.

Con esta perspectiva comezamos unha liña de traballo que consistiu basicamente en:

  • Comezar a traballar cos medios nas aulas a través de obradoiros de radio, prensa, e televisión na oferta de actividades extraescolares.
  • Enfocar eses obradoiros tanto cara á formación como cara á produción de programas/produtos para emitir de forma regular.

O apoio municipal, o labor do profesorado e, sobre todo, o Grupo Travelling e o traballo do alumnado posibilitou que, co nome de Fálame Sempre, durante dous cursos editaramos:

  • Un xornal trimestral que chega a practicamente todos os domicilios do concello.
  • A emisión de magacines para radio e televisión.
  • Producións videográficas de ficción (Así foi doutor, baseada no relato de Suso de Toro) ou didácticas (A auga e O pan e A madeira).

 

2.5.2.“Cóntanos”

“Cóntanos!” foi unha mostra fotográfica que, a través de 50 paneis con 300 imaxes, reflicte a vida cotiá do Fene do século XX.

Tratábase dunha iniciativa coa que pretendiamos traballar nas aulas a evolución dos usos lingüísticos ao longo do século XX, asociándoa á evolución da paisaxe, o proceso de urbanización, as transformacións na industria e nas condicións de traballo, a moda, os costumes...

O traballo, a última das iniciativas desenvolvidas a través da S. C. O Camiñante, principiou nas aulas, onde tivo lugar a recollida das fotografías e dos textos asociados a cada unha delas. Nos centros de ensino procedeuse á súa clasificación temática. No SMNL responsabilizámonos da dixitalización das fotografías e do deseño da exposición.

Concluída esta fase, procedeuse á inauguración da exposición e, en paralelo, á organización de “fiadeiros” temáticos no que veciños e veciñas comentaban, coa situación da lingua como fío condutor, as súas vivencias laborais, na escola, nas relacións sociais...

 

2.6. COORDINACIÓN SEN ÓRGANO FORMALIZADO

Concluída a etapa da S. C. O Camiñante, iniciamos unha nova andaina en que a confluencia Administración municipal-comunidade educativa se desenvolveu a través de contactos puntuais, sen ningún órgano formalizado de coordinación.

Principiamos unha nova andaina na que o obxectivo central foi conseguir espazos, produtos e servizos para e en galego asociados ao tempo de lecer.
Vivimos nunha sociedade que, sobre todo nos últimos dez anos, experimentou unha importante transformación nos hábitos da poboación motivada, entre outras cuestións, por:

  • O aumento do tempo de libre e o emprego deste tempo en actividades relacionadas co lecer, a cultura, o deporte...
  • As transformacións do sistema educativo (“xornada única”), co que a realización de actividades extraescolares como complemento da formación regrada cada día adquire unha maior importancia.
  • A incorporación da muller ao mercado laboral, coa conseguinte necesidade de buscar alternativas ao traballo que viñan desenvolvendo.
  • O aumento da capacidade adquisitiva e as políticas sociais das diferentes administracións que se traduciron tanto nunha maior demanda de bens de consumo relacionados co lecer como no incremento das facilidades para acceder a estes.

Polo tanto, non é aventurado resumir que vivimos nunha sociedade caracterizada polo aumento do tempo libre; o aproveitamento deste tempo para actividades relacionadas co lecer, sexan estas de xogo grupal en espazos físicos abertos ou non; propias, de entretemento/consumo persoal; guiadas por persoal especializado que nos presta un determinado servizo...

Se cruzamos estes datos coas proxeccións demográficas e estudos sociolingüísticos, é evidente que se consolida e aumenta a poboación urbana e que isto se traduce5 en:

  • Incremento de familias que educan en castelán os seus descendentes.
  • Aumento das persoas monolingües en castelán.
  • Incremento da xente nova para a que o galego xa é unha lingua aprendida.

Neste contexto, parecíanos vital que esa colaboración ENL-SNL fóra do ámbito educativo incidise e procurase intervir nestes contextos de incremento da perda de transmisión familiar da lingua e de facelo nos ámbitos de educación informal porque, malia ser certo que a competencia pasiva pode adquirise mediante a educación formal –na escola–, non deixa de ser menos certo que esta non se transforma en competencia activa se non se dá un salto cualitativo: o de interactuar na lingua aprendida. Noutras palabras, naqueles rapaces e rapaces nos que o galego é xa unha lingua aprendida, non vai pasar a ser unha lingua viva se non perciben que sae do ámbito da disciplina curricular, que é lingua de relación cando menos nalgúns ámbitos da súa vida cotiá.

Asemade, porque naqueles casos nos que si se mantén a transmisión familiar da lingua, as tendencias apuntan a que non só hai un retroceso no uso do galego cando os rapaces e rapaces se relacionan fóra do ámbito familiar, senón que estes rapaces e rapazas non dispoñen, ou case non dispoñen, de espazos-produtos-servizos en que sentir reafirmado o seu código lingüístico, nos que sentirse reafirmados como galego falantes.

Definidos os criterios xerais sobre os que establecer a colaboración e os ámbitos de actuación fóra do ámbito educativo que nos parecían determinantes, deseguido centramos o noso labor en dous grandes eixes:

 

2.6.1. As chamadas ‘actividades extraescolares’ e os ‘servizos complementarios’

Adoitamos falar da ‘escola’ como elemento desgaleguizador, pero en moi raras ocasións incluímos en ‘escola’ as chamadas ‘actividades extraescolares’ (aquelas que se desenvolven fóra do horario lectivo por iniciativa do propio centro, da ANPA, do concello ou da colaboración entre todos) ou os servizos complementarios (programa de almorzos ou comedores escolares, tamén, en moitos casos, promovidos e xestionados do mesmo xeito que as actividades) e que ocupan unha parte máis que significativa do tempo dos rapaces e rapazas, maiormente de educación infantil e primaria.

Descoñezo se hai algún estudo sobre a lingua que usa nestas actividades o persoal técnico-docente que está á fronte destas, pero, polas observacións in situ, a inmensa maioría viñan desenvolvéndose en castelán.

A colaboración ENL-SNL neste eido co obxectivo de convertelo nun espazo no que o emprego do galego pasou, en grandes liñas, por:

  • Dado que unha boa parte das actividades corren por conta de empresas de servizos contratadas polo concello, introducir nas cláusulas que rexen estas contratacións a obrigatoriedade de desenvolver as actividades en galego e valorar, á hora da adxudicación, a competencia lingüística do persoal á fronte das actividades.
  • Paralelamente, desenvolver un traballo de sensibilización na comunidade educativa.

 

2.6.2. Campus lingüístico

O campus lingüístico “Verán máis alá!”6 é unha iniciativa que se desenvolveu inicialmente en colaboración coa comunidade educativa do CEIP O Ramo, e posteriormente estendeuse á do CEIP de Centieiras.

Definímolo como un espazo de diversión, aprendizaxe lúdica e convivencia no que a lingua galega é o fío condutor.

É un programa dirixido a aquelas persoas con fillos e fillas escolarizados en educación infantil e primaria que precisen espazos e iniciativas que lles axuden a conciliar a súa vida persoal, laboral e familiar e estean interesadas en participar desta actividade porque procuran un xeito diferente de aproveitar o tempo de lecer.

Configúrase como un tempo e un lugar de dinamización e xogo para a lingua galega a través de actividades diversas nas que se traballan diferentes campos da pedagoxía: o deporte, a arte, a lingua, a informática e a ciencia; sen esquecer a promoción e uso do galego como eixe de unión das nosas actividades.

O “Verán Máis Alá!” ten os seus propios valores engadidos, que transmite desde o seu nacemento. No conxunto destes valores atópanse a igualdade, a participación, o traballo
en grupo, a integración e a diversidade.

 

3. CODA

De xeito moi esquemático tentei perfilar aquelas experiencias de dinamización lingüística que me pareceron máis significativas. Nin foron perfectas, nin son receitas máxicas. Hai, sen dúbida, elementos de probada efectividade e mesmo programas perfectamente extrapolábeis a outros contextos. Non obstante, paréceme máis importante facer fincapé na necesidade de buscar canles de converxencia que permitan desenvolver actuacións de dinamización lingüística tanto no propio centro como na súa contorna máis inmediata.

 


 


1 Vid. páxs. 109-115, Fenestra. Monográfico Cultural. Concello de Fene, 1986.

2 Vid. páxs. 149, Fenestra. Monográfico Cultural. Concello de Fene, 1986.

3 Vid. García Conde, Socorro e Vaquero Quintela, Isabel: "Os servicios de normalización lingüística: propostas básicas de funcionamento", no número 14 de Cadernos da Lingua (1997).

4 Vid. Martínez Yáñez, César e Romero Rodríguez, Daniel:Fálame sempre."O Camiñante": unha experiencia normalizadora colectiva, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística. Santiago, 1994.

5 Vid. “Notas para un diagnóstico da saúde da lingua galega” en Plan xeral de normalización da lingua galega. Xunta de Galicia. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística. Santiago de Compostela, 2005 (páxs. 31-35).

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976