A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Txerra Rodríguez

Biografía:

Txerra Rodríguez é sociolingüista e traballa como normalizador na cooperativa de servizos lingüísticos Emun. Xestiona o blog http://www.blogak.com/garaigoikoa/ e publicou diversos textos sobre éuscaro. No ano 2012 traduciu do galego para o éuscaro o libro Made in Galicia,  de Séchu Sende, editado pola editora Txalaparta.

Nº4: outubro-decembro 2013

Txerra Rodríguez
Tximintx: dez anos traballando en community fostering

Txerra Rodríguez descríbenos neste artigo as características de Tximintx, un proxecto de revitalización lingüística  que botou a andar hai dez anos e que o autor sitúa dentro do marco do que Fishman chamou community fostering ou fomento da comunidade. Trátase dunha experiencia onde a normalización do idioma desenvólvese a nivel municipal desde unha asociación integrada por xente de diferentes sensibilidades políticas que, independentemente dos ditames lexislativos, traballan xuntas co obxectivo común de normalizar o éuscaro.


Versión en PDF


 

Hai dez anos uns mozos (e non tan mozos) de Derio embarcámonos nunha aventura que se chamou Tximintx, que significa chincha e é o alcume co que os das vilas dos  arredores se referían á xente de Derio.  Unha aventura que se chamou e se chama Tximintx. Unha aventura colectiva, percorrendo novos camiños e recollendo algún que outro froito, pero que cando nos embarcamos nela eu non sabía moito de que ía aquilo. A falta de coñecementos levoume(nos) aos brazos da sociolingüística. E a afección converteuse en oficio.

Cando nacín á sociolingüística, en Euskal Herria falábase moito de traballo en común. Falábase moito, pero facíase pouco. Eu viña da militancia e achegueime á sociolingüística para aprender, para entender mellor as cousas que sucedían ao meu arredor co prisma científico. Por iso, hoxe en día tamén, aínda que convertese a militancia en traballo, intento seguir traballando cuns valores que beben da ética dos e das hackers: interese polo que fago, paixón polo traballo, liberdade, conciencia, horizontalidade, igualdade, coñecemento aberto, curiosidade, creatividade… Son conceptos moi potentes, moi fortes, pero inténtoo cumprir día a día.

Pero a aventura tiña e ten base teórica. Fundamentalmente bebe das teorías de Txepetx, da estruturación e compactación da comunidade lingüística. Hoxe, de todas maneiras, quero falar do sociolingüista Joshua Fishman. Segundo el, catro son as formas de planificación que se poden poñer en marcha nunha comunidade lingüística para realizar cambios: planificación do corpus, planificación da adquisición, planificación do estatus e a chamada community fostering.

A planificación do corpus está relacionada co idioma, coa parte lingüística; os resultados máis importantes adoitan ser gramáticas, dicionarios normativos, traballos en terminoloxía, ortografía, regras de puntuación e demais.

A planificación da adquisición ou planificación educativa é a denominación que se lle dá á planificación que se fai para lles aprender o idioma tanto a nenas e nenos coma a adultos.

A planificación do estatus quere traballar a parte social do idioma. Dentro desta planificación entran, por exemplo, establecer o estatus legal do idioma, as campañas a favor do idioma, o establecemento de dereitos lingüísticos, etcétera.

En xeral, ata agora sempre se falaba destas tres formas de planificación. Pero Fishman trae unha cuarta, aínda que bastantes autores a engloban dentro da planificación do estatus: community fostering (ou fomento da comunidade, ou revivir a comunidade). Fomentando a comunidade o que se pretende é garantir os medios de reprodución de xeración a xeración ao idioma débil. E, ademais, abrir novos espazos á comunidade lingüística. No noso país non se teorizou moito ao respecto, pero eu creo que o proceso de revitalización lingüística que se leva a cabo en Euskal Herria ten moito deste community fostering. Bastante máis que noutros sitios.


1.- O TRABALLO EN COMÚN É NORMALIZACIÓN

Parto da práctica para escribir este artigo e sitúome niso que Fishman chama community fostering (sitúome aí porque toda a práctica de revitalización do idioma na que participei e participo encádrase mellor aí que en ningún outro lado). Na práctica e na teoría. Por que? Segundo William Mackey, “as leis lingüística son eficaces se o idioma ao que se adscriben é hexemónico noutros ámbitos: hexemonía cultural, económica, demográfica, etcétera”. E eu estou de acordo con el. Hai que lograr a hexemonía neses ámbitos, sen estar á espera do que digan as leis.

O traballo en común é normalización, dicía Iñaki Arruti alá polo afastado 1993. E dicía máis: o traballo en común é “a articulación da responsabilidade”. Toma xa! O futuro da nosa comunidade está nas mans dos que formamos parte da comunidade. Dito noutras palabras: estamos condenados a entendernos. Seguindo coas súas palabras, “a comunidade lingüística ten que articular a responsabilidade que ten para normalizar o éuscaro e, para iso, os que estamos a favor do éuscaro temos que deixar de lado o que é periférico para a normalización e centrarnos naquilo que debera ser o eixo da práctica a favor do éuscaro”.

A maior garantía para calquera idioma é o apoio e o apego da comunidade na que está inserido. E, ademais, para facer traballo en común non é necesario estar de acordo en todos os temas. Non? Durante anos no noso país o movemento a favor do éuscaro estivo condicionado polos partidos políticos. Non fomos capaces (ou non foron capaces, eu era moi moi novo) de poñer en marcha unha dinámica a favor do éuscaro non partidista.

Para ver o clima de principios dos anos 90 no movemento a favor do éuscaro, traio unhas palabras de Julen Arexolaleiba, que son moi representativas:

O que só vexa o parámetro dos partidos políticos para todos os problemas que existen en Euskal Herria que deixe de ler inmediatamente, porque na súa cegueira  non encontrará nada interesante aquí.
Que se queden a un lado, de momento, os/as laretas que se dedican a repetir consignas ridículas cada quince días, os que só queren gardar o éuscaro para as funcións sociais máis extravagantes, e toda clase de agoireiros varios; eu polo menos aguanto cada día menos aos vascoparlantes que son parte do amplo sector social que só ten conciencia pasiva.
Xuntémonos, de momento, no portal da casa, no posto de traballo, no barrio e na aldea os que realmente cremos na elección a favor do éuscaro; ao principio non sei cantos seremos pero estar seguros de que se irán integrando cada vez máis, cada vez haberá máis participantes conscientes nesa comunidade lingüística.
A única alternativa e condición para o movemento popular a favor do éuscaro ten que ser a condición de vascoparlantes, afastándonos dunha vez dos parámetros dos partidos políticos (para empezar que vaian creando os seus propios grupos dentro da casa) e sendo os que sexamos empecemos a facer as cousas ben.


2.- TXIMINTX

Cando eu nacín á sociolingüística o movemento a favor do éuscaro non acababa de nacer. Pero eu si. Xunto cunha serie de persoas de Derio, creamos a asociación Tximintx: a euskara elkarte Tximintx.

Euskara elkarte… e que é unha euskara elkarte? O seu propio nome en éuscaro indícao. É unha elkarte, unha asociación formada por socios e socias. Normalmente a súa base é o municipio (hai algunhas asociacións a nivel comarcal e nalgunhas cidades a nivel de barrio). O municipio abarca moitos espazos do día a día da maioría dos cidadáns e das cidadás: familia, grupo de amigos, ensinanza, comercio, servizos…  Ademais estas asociacións están formadas por xente a favor do éuscaro de diferentes sensibilidades políticas. A práctica destas asociacións céntrase en recuperar funcións: actividades de ocio para nenos/as e mozos/as (campamentos de verán, actividades extraescolares, ludotecas, centros sociais para a xuventude, grupos de tempo libre, talleres…), medios de comunicación locais (radios, revistas, medios en internet…), actividades culturais, accións de sensibilización, redes de relacións, hitzarmengintza, voluntariado lingüístico…

En Derio levamos dez anos andando por un camiño que en Euskal Herria outras moitas vilas percorreron xa. Hai unha canción do grupo de rock Leihotikan que sintetiza un pouco a nosa práctica diaria: dez anos facendo o que nós queremos, dez anos e os que virán.

Bebemos das experiencias dos demais (aprendemos fundamentalmente que é o que non hai que facer), pero facendo o noso propio camiño. Nós pensámolo, nós fixémolo, nós metemos a pata, nós acertamos, nós discutimos, nós levámolo á práctica. Adaptándonos á realidade de Derio, aos recursos que tivemos e temos.

Dixerimos, racionalizamos, interiorizamos a experiencia lingüística que tiñamos como vascoparlantes. E, despois, para cambiar esas experiencias, auto-organizámonos colectivamente co obxectivo de estruturar o núcleo simbólico da nosa comunidade lingüística (utilizando palabras de Txepetx). Para iso, deixamos de lado as diferenzas que tiñamos (e seguimos tendo) en diferentes ámbitos e levamos adiante unha dinámica de traballo non partidista. Abrazamos unha planificación de community fostering en Derio desde o principio: recuperando funcións, partindo desde o próximo, tendo como eixo o uso do idioma…

De feito, bastantes dos que formamos parte de Tximintx hoxe en día non tiñamos relación na vila. As diferenzas políticas sectarias non nos deixaban poñer en marcha dinámicas de traballo unitarias nos temas nos que estabamos de acordo. Incluso, moitos de nós non falabamos entre nós a pesar de ser da mesma idade, da mesma vila e vascoparlantes.

Sobre o papel queda moi ben o da estruturación do núcleo simbólico. A pesar de que demos pasos cara a adiante nese obxectivo, non podemos dicir que dez anos despois o lograramos. Aínda nos queda por diante un longo camiño para a súa consecución. Aínda queda por diante un arduo labor para que os vascoparlantes de Derio sexan leais e activos na súa lingua. Pero o camiño feito ata agora mereceu a pena. E non só persoalmente, tamén fixemos achegas moi importantes de cara á dinamización (e non só lingüística) de Derio desde Tximintx.

En dez anos dinamizamos a revista mensual da comarca chamada Aikor, organizamos un programa de voluntariado lingüístico de nome Berbalagun no que participaron máis de 100 persoas nestes anos, creamos unha escola de teatro para mozos/as e nenos/as en Derio, organizamos unha chea de actividades culturais, recollemos en vídeo as vivencias de bastantes persoas maiores de Derio, participamos nas festas, creamos costumes culturais na vila (hoxe en día ninguén organiza nada en Derio para menores de idade en castelán)…


3.- TOPAGUNEA

Pero desde o principio démonos conta de que non estabamos sós. Noutras moitas vilas existían e existen numerosas asociacións similares á nosa. E que todas esas asociacións se xuntaban nunha federación que se chama Topagunea. Non nos fiabamos: mirabamos con desconfianza as estruturas nacionais. Pero encontrámonos cunha federación que se organizaba de abaixo a arriba: quería e quere dar respostas ás necesidades das asociacións, e non quere ser unha estrutura que leve a dirección das asociacións. Porque o Topagunea actúa intentando identificar na medida das súas posibilidades as necesidades das asociacións e darlles resposta.

Pero volvamos un pouco de novo ás euskara elkartes. Quero falar agora da maior achega que fixeron as asociacións: quero falar de hitzarmengintza (punto que citei de pasada anteriormente).

Hitzarmengintza é unha palabra nova que se creou para dar nome a esta nova dinámica. A tradución sería algo así como creación de acordos. Hitzarmengintza, en definitiva, é un método. Un método que foi o que se usou para euscaldunizar entidades. É unha metodoloxía baseada no compromiso, polo cal cada asinante do acordo se autoimplica. O acordo lévase a cabo entre dúas entidades e, mediante o mesmo, unha entidade toma compromisos concretos respecto ao éuscaro e a outra entidade ofrécelle axuda técnica para poder sacar adiante os compromisos. O fin último é crear microcomunidades vascoparlantes normalizadas. Pero esixe traballo sistemático e continuado, esixe planificación.

Os primeiros acordos asináronse na década dos 80. Pero os primeiros esforzos serios leváronse a cabo na década dos 90 na zona de Arrasate (Mondragón) e, en certo punto, é a orixe da cooperativa para euscaldunizar o mundo laboral, Emun, que é onde eu traballo actualmente. E, desde entón, asináronse en moitas vilas, a maioría das veces baixo o impulso das euskara elkartes, aínda que ás veces o desenvolveron as institucións e ás veces leváronse a cabo baixo outro modelo.

Nun primeiro momento, os plans de hitzarmengintza desenvolvíanse igual nos pequenos establecementos mercantís e nas asociacións. Co paso dos anos, os plans foron evolucionando e, hoxe en día, separáronse ambos os ámbitos. Separáronse fundamentalmente pola evolución que sufriron os plans de euscaldunización do comercio, e non tanto pola evolución dos plans de euscaldunizar as asociacións.

E por que o acordo? A lexislación lingüística nestes sectores case non ten incidencia. E, ademais, como xa se dixo anteriormente, poucas decisións pódense tomar vía decreto se non hai predominio noutros ámbitos. E non o di só Mackey, tamén Robert L. Cooper o di. E, ademais, debemos lembrar que son as persoas as que toman ou rexeitan os novos ámbitos lingüísticos. Ou polo menos iso di Robert L. Cooper.

 

 

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Arexolaleiba, Julen (1991), Biziminak gainditu behar du minbizia, Jazten aldizkaria 1, Arrasate.
Arruti, Iñaki (1995), Euskara elkarteak jatorria eta norabidea, Bat aldizkaria 16, Donostia.
Arruti, I., Muniozguren, F. (1993), Euskararen normalizaziorako entitateen arteko elkarlana, Jazten aldizkaria 9, Arrasate.
Cooper, Robert L. (2007), La planificación lingüística y el cambio social, Cambridge.
Fishman, J.A. (1991), Reversing Language Shift, Multilingual Matters, Clevedon.
Mackey, William F. (1993), Hizkuntza jokaera-aldaketa legeen bidez, Bat aldizkaria 9, Donostia.
Martinez de Luna (2013), Euskarak duen framing berri baten premia asetzeko proposamena, Bat aldizkaria 86, Donostia.
Topagunea (2003), Entitateak euskalduntzeko metodologia, Topagunea, Abadiño.
Vadillo, Alex (2008), Udalerrietan euskara biziberritzeko planak eta parte hartzea, Hiznet, argitaratu gabe.

 


*Artigo traducido do orixinal en castelán

 

 

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976