A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Art1


Xabier P. DoCampo

Mestre e escritor. Relacionado desde sempre cos movementos de renovación pedagóxica, implicouse moi directamente na didáctica da lingua e a literatura galegas. Participou en incontables charlas arredor de cuestións pedagóxicas relacionadas coa nosa lingua, co fomento da lectura e coa súa implantación escolar e social, coa utilización didáctica da literatura escrita, … cuestións estas que tamén ten plasmado en ensaios.
Na súa faceta de escritor ten publicado moitos títulos cos que renovou a literatura infantil e xuvenil. Recibiu, entre outros, o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil pola súa obra Cando petan na porta pola noite. Participou na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX).
Datacou tamén noutras facetas variadas: redacción de libros de texto, guionista de radio, columnista na prensa, actor e director de teatro…

Nº6: Ano 2015

Xabier P. DoCampo
Non hai inocentes

Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) no 2014 son o punto de partida para unha reflexión do autor sobre o futuro do galego, unha reflexión que, nas súas palabras, sirva para “ir axudando a construír o camiño que nos leve a unha situación de normalidade lingüística sempre desexada e sempre perseguida”.


Versión en PDF


 

Xa a distancia que collín do traballo diario na aula non me dá para escribir sobre cuestións didácticas concretas, pero si que segue a ser a miña máxima preocupación continuar a reflexionar sobre do devir da nosa lingua, e desde aí ir axudando a construír o camiño que nos leve a unha situación de normalidade lingüística sempre desexada e sempre perseguida sen perda de azos nin de forzas pola miña parte, que a min por aí non se me derrota. Así que me achego ao xeneroso acubillo d’A letra miúda para facer tal cousa mais unha vez.

Cando no mes de decembro pasado o Instituto Galego de Estatísitica (IGE) fixo públicos os datos  da súa estatística de uso da lingua galega, ficamos todos abraiados perante dunha realidade  que estabamos a facer coma que non coñeciamos, eramos reos de ignorancia culpábel: sabiamos que a situación da nosa lingua, nomeadamente entre a xente máis nova, era de devalo grave pero simulabamos non nos decatar de tal adversa circunstancia. Pero a publicación dos datos rachaba ao medio o noso xogo de agachar a cabeza nun burato, deixounos a todos fronte a unha realidade  que xa non podemos ignorar por máis tempo e xa non queda outra, nuns con maior sinceridade que noutros, máis que mostrar publicamente a nosa alarma pola situación. Esa é a verdade.

Mais todos nos resistíamos a abandonar de xeito total o xogo do disimulo, e o segundo paso foi a procura e a pública flaxelación dos culpábeis. Aí houbo de todo. Desde o presidente da Xunta que mandou a carga no lombo das familias coma se estas fosen institucións inmunes ao teimoso discurso de desprestixio da lingua que abrollaba día si e día tamén da boca dos persoeiros da sociedade. Responsábeis políticos e da administracións, medios económicos e de comunicación ou mesmo persoas que teñen encomendada a política lingüística, facían arreo manifestacións ou levaban a cabo actuacións que deterioraban gravemente o valor cultural, sentimental e de uso da lingua propia de Galicia. Así as cousas considerar ás familias responsábeis de faceren o que se lles aconsellaba que fixesen resulta un acto maligno e cínico.

Houbo quen, nun intento de se situar á marxe e fuxir así da propia responsabilidade, acusou da pobre situación actual do galego a aqueles que empeñamos (e fago uso expreso da primeira persoa por me sentir directa e intencionadamente aludido) boa parte da vida e das forzas que ela mesma nos forneceu, na defensa, promoción e normalización da nosa lingua. O argumento tácito parece ser o de que a sobreprotección maleduca, mais isto, que pode moi ben valer para a educación das persoas e mesmo dos cans e gatos domésticos, non é aplicábel a entes que sen a protección dos seus non sobrevivirían.  Dicir que fomos nós, os galegofalantes, os culpábeis de que o nosa lingua perda falantes ten como obxectivo a exculpación daqueles que asinan a afirmación. Os mesmos que apoiaron ou calaron diante da calumniosa teoría conspirativa da imposición do galego, os que perante cada acción, cada celebración, cada cartel de apoio á normalización da nosa lingua no noso país sempre elaboraban unha crítica despectiva, un reproche ou unha negativa con aparencia de rebeldía. Quero dicir, aqueles que aspiraban a ver morrer o galego de “morte natural”.

Está claro que diante dos dramáticos datos que para o futuro da lingua dos galegos e galegas amosaba a estatística publicada polo IGE, a alarma pódese dar por xeral para todas as persoas que, por pouca que sexa, prestan algunha atención á normalización da lingua galega. Mais o se centrar na procura dos culpábeis non parece o máis atinado dos camiños para dar solución ao problema do devalo da lingua, nomeadamente entre a xente máis nova. Ben está que entre os que están verdadeiramente preocupados pola situación e os que din estalo, poñamos o altoparlante da alarma a funcionar se isto propicia a adopción de remedios, porque se trata dunha situación perfectamente reversíbel. Non direi que de xeito doado, porque hai xa un importante número de nenos e nenas por embaixo dos catorce ou quince anos, que non o falan porque non saben e isto, ben se comprende, dificulta seriamente a súa incorporación ao conxunto dos usuarios da lingua galega. Con todo non é imposíbel nin moito menos dar volta á tendencia negativa que a estatística anuncia.

Agora ben, para iso nin chega nin é necesario identificar os culpábeis, abonda con recoñecer que non hai inocentes. Que todos somos responsábeis do que sucede e, dun xeito moi especial, do que vaia suceder no futuro.

Dicimos con frecuencia, e é ben certo, que a lingua galega é patrimonio de todos os galegos e galegas, mesmo daquelas persoas que non a falan, pero que en ningún caso consentirían nada que, por acción ou omisión, veña a propiciar a súa desaparición. Visto así é claro que somos todos os habitantes de Galicia (os negacionistas sempre foron a seguen a ser un número moi reducido, aínda que non lles negarei que moi barulleiro, mesmo berrallón) os responsábeis da súa conservación e da defensa do seu uso en todos os ámbitos da vida, quer privada quer social quer administrativa. Isto é tanto como dicir que é nesas persoas que detentan o patrimonio da lingua onde reside a responsabilidade última de falala e darlle valor social.

Nos que a falamos arreo esa responsabilidade substánciase en non facer dela arma para arrebolar contra os que non o fan, mais tamén en se mostrar fieis e leais á lingua, á fala. Quero dicir en se plantar e facer valer os seus dereitos, como viña dicir Rosa Parks, tanto ceder cansa. Falamos galego por moi diversas razóns persoais que non temos que explicar a ninguén se non queremos, porque todas elas se basean no dereito que nos outorga o feito de sermos galegos e, dándolle a volta, falarmos galego fainos galegos. Temos que interiorizar un  lema: en Galicia en galego, e facermos del un costume, un automatismo. A ninguén pode ofender que nos expresemos en galego, todos os galegos e as galegas entenden a nosa lingua sen dificultade ningunha e, contrariamente ao que se nos dixo que era de boa educación pasarnos (pasarnos!, vaia feixe de connotacións negativas que carga esta palabra) ao castelán cando o noso interlocutor ou interlocutora falasen nesa lingua, non hai tal. Ao contrario, é de xente ben educada respectar o dereito dos demais a falaren na lingua que desexen. Cando así o facemos os galegofalantes, prodúcese un efecto de contaxio, mesmo de ósmose que acaba por dar nunha galeguización espontánea da conversa. Eu vexo con grande alegría do meu corazón adolescentes, fermosos e ben vestidos eles e elas, que,  procedentes das aldeas e vilas dos arredores, andan nos grandes almacéns das cidades ou nas superficies comerciais que as arrodean falando con orgullo a lingua que recibiron dos seus pais e nais, e da que se apoderaron con responsabilidade. E desexo que sigan vindo ás cidades a mostrar a súa fachenda e a estender o contaxio. Ese é un bo camiño.

Esta actitude podería axudar a non perder falantes consolidados, pero máis que neles o porvir da nosa lingua está nas mans dos que non a falan nunca ou case nunca. Son os castelanfalantes actuais os que máis poden facer polo futuro da lingua galega. A súa actitude de apoio, de respecto sincero cara aos falantes da nosa lingua, o non discriminalos nin etiquetalos de cousa ningunha que non sexa o de seres humanos que falan galego, faría diminuír os prexuízos que tan daniños son para o desenvolvemento harmónico de calquera sociedade.

Permítaseme, chegado aquí, contar un par de anécdotas que ilustren estas actitudes prexuizosas que pexan de xeito grave as relacións entre castelanfalantes e galegofalantes e cuxa desaparición axudaría de forma moi importante á harmonía social.

A primeira contouma un amigo académico da RAG e el foi un dos protagonistas dela.  Estaba a falar cun moi alto executivo bancario e este expresoulle que de boa gana falaría en público máis en galego do que o facía se non fose o medo a que o tomasen por militante do BNG. O meu amigo, co bo tino e a aguda intelixencia que posúe, respondeulle: «Non te apures. A ti non te van tomar por tal, e canto máis o fales ti menos o van pensar de min, que tampouco non o son». Fica isto aquí, e con todo o respecto para os militantes desta formación política que tanto e tan ben leva feito pola normalización social da nosa lingua, como mostra de canto é necesario rachar os prexuízos que atrancan o uso cotián e normal da nosa lingua, prexuízos asociados á torpeza de persoas, organizacións e institucións de abandonar o dereito que a todos nos asiste de patrimonializar para todos a nosa lingua como a lingua dos galegos e galegas máis aló de adscricións partidarias ou da ausencia delas.

A segunda anécdota ofreceuma outro amigo que se viu nunha situación ben dramática tocante á saúde dun fillo. Isto obrigouno a andar moito tempo de médico en médico. «Faláballes a todos os médicos en castelán –dicíame-. Tratábase da vida do meu fillo e aterrorizábame a idea de que puidesen virar a unha actitude negativa cara a min e ao rapaz, porque eu non sabía se eran ou non dos que te miran mal se falas en galego». «E non temías que puidese ocorrer o contrario?», pregunteille. «Non –dixo–,  pode parecer sectario pola miña parte, pero estou seguro, agora e mais daquela, de que non. Os galegofalantes poden ver con maior simpatía a outro que fala coma eles, pero están tan afeitos a que lles falen en castelán que a iso non lle dan importancia. Saben que son moitas as persoas que, usando arreo a lingua galega na súa vida, sempre empezan, como fixen eu, por se dirixiren ao médico en castelán».
Quixen contar estas dúas anécdotas como ilustración do feito que, de desapareceren da sociedade galega todos os prexuízos que aínda persisten sobre o uso da nosa lingua, as estatísticas de dentro de cinco anos amosarían unha fasquía menos facareña que a actual.

Son necesarias actuacións, por parte dos poderes públicos, dirixidas a lle conferir meirande prestixio, utilidade e dereitos á lingua propia de Galicia, pero ao final está en nós, galegos e galegas do común, a responsabilidade da súa saúde e longa vida. Nós somos os que a recibimos dos nosos maiores e aos que nos atinxe o deber de conservala, nós somos os que outorgamos a uns e retirámoslla a outros a potestade de elaborar e facer cumprir unha política lingüística ou outra.  Nós somos os que debemos facer por desterrar calquera prexuízo que nos impida sentir a lingua de Galicia como a de todos os galegos e todas as galegas, falémola ou non, e iso ten que levarnos a sentir a necesidade de coñecela e de que os nosos fillos e fillas a coñezan, algo imprescindíbel para facer uso da liberdade de falala ou non. O se manter no prexuízo só pode dar cos que en tal teiman, no racismo e na discriminación do outro. Mentres tanto non podemos agachar a nosa actitude cara a nosa lingua procurando a quen lle botar a culpa da súa situación actual, porque, cómpre dicilo con humildade, nisto non hai inocentes.

 

 

 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976