A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Busca:

Categorías:

Listaxe de todos os artigos da revista

Nº6: Ano 2015

Xaquín Loredo Gutiérrez
Aproximación á situación sociolingüística en Galicia. A evolución da transmisión lingüística interxeracional do galego.

Neste artigo, Xaquín Loredo ten como obxectivo, por unha parte, analizar a evolución da situación da lingua galega nas principais variables demolingüísticas (i.e. competencias lingüísticas, uso lingüístico habitual do galego, lingua inicial, lingua habitual) e, por outra parte, analizar o nivel de ruptura da transmisión interxeracional familiar do galego.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº6: Ano 2015

Miguel Moreira Barbeito
Non normalizar unha lingua para a salvar?

Ante a situación dunha lingua en proceso de consolidación do seu estándar, Miguel Moreira lémbranos catro posibles actuacións reais, -non normalizar unha lingua para non a salvar, normalizar unha lingua para a salvar, normalizar unha lingua para non a salvar, non normalizar unha lingua para a salvar- para, a continuación, deterse na última e explicarnos como esta posibilidade, viable en linguas minorizadas como por exemplo o abadi (Papúa-Nova Guinea), resulta inviable no caso de linguas minorizadas occidentais cuxo contexto é totalmente diferente.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº6: Ano 2015

Xabier P. DoCampo
Non hai inocentes

Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) no 2014 son o punto de partida para unha reflexión do autor sobre o futuro do galego, unha reflexión que, nas súas palabras, sirva para “ir axudando a construír o camiño que nos leve a unha situación de normalidade lingüística sempre desexada e sempre perseguida”.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº5: Ano 2014

Mercedes Queixas Zas
A planificación lingüística no ensino. O equilibrio lingüístico necesario

A autora reflexiona arredor do papel que debe asumir a escola no proceso de conformación da competencia lingüística dos individuos e tras analizar parámetros como o marco legal en materia lingüístico-educativa, os avances en sociolingüística e didáctica das linguas en contextos bilingües, a avaliación de resultados na adquisición da competencia lingüística en sistemas educativos bilingües e plurilingües e a avaliación dos propios resultados recentes do sistema educativo galego, sinala as liñas xerais que se deben ter en conta para elaborar un proxecto lingüístico de centro.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº4: outubro-decembro 2013

Bernardo Penabade Rei
Estratexias de implicación en normalización lingüística. Pedagoxía ao servizo da cohesión social

Bernardo Penabade preséntanos unha adaptación do relatorio que defendeu en xullo de 2013 no Forum Carballo durante a celebración do IXº Curso de Verán de Dinamización Lingüística titulado “Participación, Implicación e Traballo Colaborativo”, na que comparte con nós experiencias e metodoloxías de dinamización lingüística desenvolvidas en diferentes centros de ensino secundario, que tiveron como resultado a creación do proxecto Lingua viva.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº4: outubro-decembro 2013

Xosé Luís Janeiro Espiñeira, Andrés Alonso Álvarez
O decreto 79/2010: Penélope e a lexislación lingüística

Este artigo constitúe a continuación doutro publicado no número anterior da revista. Os autores fan unha comparación entre o Decreto 124/2007 (D2007) e o actual Decreto 79/2010 (D2010) e rematan cun bocexo analítico das previsións lingüísticas da futura lei de educación, a LOMCE, cuxo parto está aínda por producirse.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº4: outubro-decembro 2013

Txerra Rodríguez
Tximintx: dez anos traballando en community fostering

Txerra Rodríguez descríbenos neste artigo as características de Tximintx, un proxecto de revitalización lingüística que botou a andar hai dez anos e que o autor sitúa dentro do marco do que Fishman chamou community fostering ou fomento da comunidade. Trátase dunha experiencia onde a normalización do idioma desenvólvese a nivel municipal desde unha asociación integrada por xente de diferentes sensibilidades políticas que, independentemente dos ditames lexislativos, traballan xuntas co obxectivo común de normalizar o éuscaro.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº3: abril-xuño 2013

Hèctor Alòs i Font
O chuvaso en Chuvasia: exemplo de regresión das linguas medianas en Rusia

Neste artigo descríbese a situación actual do chuvaso, especialmente nas cidades de Chuvasia. Despois dunha presentación de Chuvasia e da súa historia recente, repásase a súa política lingüística, particularmente no marco educativo. Analízanse as distintas causas que contribúen á adopción e perpetuación de opcións claramente inefectivas. Finalmente, resúmense os resultados dun traballo en curso que reflicte os resultados da política lingüística e educativa en Chuvasia.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº3: abril-xuño 2013

Teresa Moure
Ecolingüística: uma prática de intervenção

Neste artigo a autora fálanos de como naceu a ecolingüística, reflexionando sobre ideas como que ninguén protexe o que non coñece ou a conexión das linguas co seu contorno; explícanos a diferenza entre ecolingüismo e ambientalismo, en que debería consistir o activismo lingüístico e, por último, insiste na idea de que o futuro das cosmovisións que hai detrás de cada lingua -patrimonios culturais e intelectuais da humanidade-, pasa por ter unha actitude responsable que precisamente trate de evitar a perda de linguas no mundo.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº3: abril-xuño 2013

Xosé-Henrique Costas
O galego do Val do Ellas e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias

Neste artigo preséntase unha descrición da situación actual na que se atopa o galego do Val do Ellas, en Estremadura; analízanse os datos contraditorios sobre o “valego” que ofrece o recente 3º Informe sobre o cumprimento en España da Carta Europea das Linguas; e compáranse os datos obtidos sobre usos lingüísticos do alumnado en 2011 cos de hai 15 anos, incidindo no abandono total que sofren as falas do Ellas por parte das autoridades estremeñas.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº3: abril-xuño 2013

Xosé Luís Janeiro Espiñeira, Andrés Alonso Álvarez
A lingua galega no ensino: reflexións sobre o decreto 124/2007

Tempus fugit. Este artigo é froito dun Curso de especialización en planificación lingüística nos centros de ensino, celebrado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en Santiago de Compostela nos derradeiros meses do ano 2007, no que os autores participaron como relatores. Estaba destinado a formar parte das actas desta actividade pero, lamentablemente, estas non chegaron a saír do prelo. Coidamos de interese analizar o decreto que foi o cumio da lexislación pro galego, así que aquí o trasladamos, coas necesarias actualizacións despois do tempo decorrido. Enténdase, xa que logo, como unha ollada ao pasado como reflexión do presente. Un ulterior artigo analizará o actual decreto de 2010, o que explica certas ausencias na análise que vén a seguir.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº2: xaneiro-marzo 2013

Regueira, Xosé Luís
Estándar oral e modelos de lingua

Neste traballo trátase a idea do estándar oral galego e do papel que o ensino pode ou debe ter na difusión e no asentamento de modelos de lingua oral.
Primeiro faise unha diferenciación entre estándar oral e “normativa”, logo fálase dos condicionantes particulares do estándar oral do galego, repásanse algunhas características dos modelos de lingua oral que se difunden na sociedade actual, e finalmente trátase a importancia do ensino na difusión e consolidación de modelos de lingua estándar.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº2: xaneiro-marzo 2013

Félix Etxeberria, Juan Etxeberria
Competencia lingüística e lingua da escola con alumnado nativo e inmigrante

Os autores, tras sinalarnos as dificultades teóricas para definir o concepto de “alumno emigrante” e para facer unha correcta avaliación da competencia en lingua oral, presentan un estudo feito no País Vasco entre alumnado nativo e inmigrante de 2º e 6ª curso de Primaria. A análise dos resultados reflicte un nivel máis baixo na adquisición da competencia lingüística oral do alumnado inmigrante respecto ao autóctono, diferenza que ten as súas consecuencias no rendemento académico e que, polo tanto, leva aos autores a reflexionar sobre o necesario cambio das prácticas educativas co obxectivo de garantir o éxito escolar de todo o alumnado.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº2: xaneiro-marzo 2013

Daniel Romero Rodríguez
O contorno educativo como elemento de dinamización lingüística

Daniel Romero describe neste artigo o plan de contorna desenvolvido nos anos 80 e 90 por un concello pioneiro no eido da normalización e dinamización lingüística: Fene, co obxectivo de estender o uso social da lingua.
Nese momento, cunhas condicións sociais favorables, créase un Servizo Municipal de Normalización Lingüística e Iniciativas Culturais no que converxen centros de ensino, movementos de renovación pedagóxica, movemento asociativo, monitores e monitoras de escolas deportivas e culturais, xornalistas e persoas de recoñecido prestixio no ámbito da normalización que desenvolven un plan de intervención sobre o conxunto da comunidade.
Sen un pouso doutrinal previo, vanse ensaiando distintas fórmulas de coordinación entre os axentes implicados que permiten poñer en marcha accións normalizadoras eficaces.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº2: xaneiro-marzo 2013

Ignasi García Plata
A planificación lingüística nos centros de ensino. A experiencia de Cataluña

O artigo explica como deu resposta o sistema educativo catalán a dous feitos importantes: a aprobación da Lei de normalización lingüística de 1983 e a incorporación masiva de alumnado estranxeiro desde os noventa, facendo unha análise de aspectos relevantes como os fundamentos que serviron para determinar a lingua do ensino, os criterios de introdución das diferentes linguas, as medidas de incorporación de alumnado estranxeiro e a implicación do contorno escolar no proceso educativo do alumnado con máis risco de exclusión social mediante os plans educativos de contorno.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº1: outubro-decembro 2012

Ignasi Vila
Algunhas reflexións sobre a educación bilingüe

Reflexión sobre o concepto de educación bilingüe e a súa práctica educativa. Dada a gran variedade lingüística do alumnado que se pode atopar hoxe nas aulas, os modelos de educación bilingüe dos últimos 50 anos necesitan ser reformulados. A modificación da organización escolar, o reforzo do uso da lingua oral, a aprendizaxe cooperativa ou novas metodoloxías que promovan a actividade conxunta entre profesorado e alumnado son algúns dos novos criterios a ter en conta, segundo o autor.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº1: outubro-decembro 2012

Ana Iglesias Álvarez
Actitudes e prexuízos lingüísticos en Galicia. A súa influencia nos usos

Tras unha aproximación teórica aos conceptos de actitudes e prexuízos lingüísticos, a autora analiza a súa presenza na nosa comunidade a partir dos datos achegados polo Volume III do Mapa Sociolingüístico de Galicia, publicado en 1996. O estudo dos prexuízos cara á lingua galega e os seus falantes, así como cara ao proceso de normalización e a reflexión sobre o peso destes na elección lingüística, reflicten que as actitudes respecto ao galego non son tan boas como se esperaban. Seguir traballando coas actitudes, pero tamén traballar a competencia lingüística e a presenza do galego en ámbitos asociados á modernidade e ao progreso son as propostas da autora para poder mellorar.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº1: outubro-decembro 2012

Xaime Subiela Pérez/Jorge Fente Balsa
Reflexións relativas á elaboración participativa dun marco de planificación lingüística dos centros de ensino

Para os autores, a normalización lingüística no ámbito do ensino debe ir dirixida cara á comunidade escolar no seu conxunto e cara ao funcionamento interno dos centros e a planificación lingüística que se faga neste ámbito debe empregar metodoloxías semellantes ás de calquera outro proceso de planificación. Ao longo do artigo, descríbense os pasos a seguir na elaboración deste plan que, segundo os autores, permitirá unha reflexión sobre a situación da lingua, racionalizar recursos e esforzos, maximizar resultados e implicar a todos os actores participantes.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº1: outubro-decembro 2012

Manuel González González
Evolución da situación lingüística en Galicia nos últimos quince anos

O artigo describe a situación do galego nos últimos 15 anos a partir dos datos achegados polo Mapa Sociolingüístico de Galicia (1992-1996), contrastados cos datos da Actualización do Mapa Sociolingüístico de Galicia de 2004, cos do Censo de poboación de 2001 e cos da Enquisa de condicións de vida do Instituto Galego de Estatística do 2003. Revísanse cuestións como a situación da lingua inicial e a evolución da lingua habitual, segundo hábitat, nivel educativo, idade, ocupación; a evolución no dominio das destrezas lingüísticas; a situación do corpus do galego e fanse algunhas reflexións arredor do chamado “galego urbano”.

Ir ao artigo         Versión en PDF


Nº1: outubro-decembro 2012

Félix Etxeberria Balerdi
O final dos modelos lingüísticos na escola do País Vasco

Neste artigo, o autor explícanos a evolución da ensinanza do éuscaro dentro do sistema educativo do País Vasco e como se chegou ao sistema de modelos lingüísticos actuais. Unha análise dos diferentes cambios demográficos, históricos, dos datos estatísticos dos resultados da ensinanza actual na lingua minoritaria, e das contribucións das investigacións no campo da educación bilingüe do País Vasco, leva ao autor a considerar que o actual sistema de modelos está esgotado e a reflexionar sobre o futuro do ensino do éuscaro e en éuscaro.

Ir ao artigo         Versión en PDF


 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976