A letra
www.coordinadoraendl.org
miúda
Revista de sociolingüística para o ensino

Nº6:
Ano 2015

Nº5:
Ano 2014

Nº4:
outubro-decembro 2013

Nº3:
abril-xuño 2013

Nº2:
xaneiro-marzo 2013

Nº1:
outubro-decembro 2012


Inicio
Listaxe
Recomendacións

Busca:

Categorías:

Volver
Maria Reimóndez
En vías de extinción.

 


Comezar a ruta lectora pola novela En vías de extinción de María Reimóndez e decatarse de que a lingua  de noso vai estar presente moito máis do que como código escrito escollido pola autora para nos transmitir a evolución da nena da montaña lucense Mariña até se converter na moza crítica e segura de si, Gaia, profesional da tradución e da interpretación, provoca o noso ánimo coa sorpresa de estarmos perante unha narrativa pouco ou nada canónica.

Sen dúbida, o galego convértese en protagonista principal neste entramado de pólas transformadoras, de vetas vivificadoras ben alicerzadas nunha cerna con orixe senlleira. Unha lingua propia dun medio espacial e temporal definido pola súa historia en constante evolución contra a amnesia que instiga conscientemente ou permite inconscientemente a confirmación do proceso de substitución lingüística da lingua minorizada, o galego, pola lingua hexemónica, o castelán.

Probabelmente, a voz sempre crítica de Gaia o sintetice nestas palabras pronunciadas logo de ter accedido a ser entrevistada nun programa da tele-lixo estatal por mor da súa relación con MK, a cantante de maior éxito e expectación do momento, baixo a condición de se poder expresar na súa lingua propia, o galego. O morbo pode tanto que obriga a ser condescendentes con calquera axente-vítima da mediocridade voyeur televisiva imperante. Mais o escándalo remata por se servir en prato frío para acrecentar as insaciábeis cotas de audiencia reportadoras de ingresos.

Nesta merda de país provocar escándalos resulta bastante doado. Abonda con falar a lingua propia.

O galego coprotagoniza esta novela, en primeiro lugar, inserido nunha espiral de linguas que conviven en pé de igualdade, como o inglés, o portugués, o castelán ou o alemán, o que permite emparellar nas citas introdutorias dun peculiar reparto capitular a Rosalía de Castro con Lewis Carrol, Alicia H. Puleo, Paulinho Moska ou Petter Maffay, para alén de inserir no discurso ficional expresións ou mesmo pequenos diálogos nalgunha desas linguas, impedindo a pasividade lectora e facéndonos copartícipes dese plurilingüismo integrador, desde o galego, que calquera praxe sociolingüística defendería polo seu carácter inclusivo.

En segundo lugar, a plenitude do noso código lingüístico acrecéntase na novela desde o momento en que conviven a norma estándar da voz narradora e mais a variante dialectal oriental orixinal da fala de Gaia e do seu entorno familiar, co que os escenarios narrativos van acoller aqueloutras formas non rexistradas nunca co carimbo da oficialidade. Vístense agora de gala as marxes da lingua e agroman desde a naturalidade e credibilidade do discurso dos seus protagonistas tu, dirén, verén, curmao, operaciois... voces que, como osmarcos e os lindes do eirado, aséntannos na terra nutricial que nos constrúe e relaciona á par das outras voces veciñas.

-Lucenses de provincia.
Nese momento entenden e sorrín. Ella tamén, pero sabe que as separan as isoglosas, polas cales ella di, no exemplo do libro de texto, pantalois e ellas din pantalós. Porén, moito máis axeitado sería dicir neste contexto cais/cas. Pero a fin de contas as tres din mao e mai. Fóra das filólogas (outra pregunta frecorrente: non, non estudei filoloxía senón tradución e interpretación), dubida que haxa alguén a quen lle presten máis as isoglosas. Porque son lingua falada, lingua viva. A lingua da que ella vive.

Lingua falada e tan viva que como tal fica reproducida nas expresións dialogadas entre Gaia e súa nai solteira, dúas mulleres fortes, con raíces firmes e cun proxecto de vida encamiñado a mudar os tempos e as vontades:

- Mais tu, ña filla, has herdar un mundo difrente no que poidas ser tu mesma.

A vindicación da lingua e da variante xeográfica propia para recrear a plena identidade espacial, ambiental e familiar da súa máxima protagonista, Gaia, a mesma que, polo seu acento, é nomeada con suposta graza nas xornadas de traballo en Madrid como galleguiña.

E en terceiro lugar, en conexión con aquelas palabras de Gaia recollidas máis arriba, o galego preséntase como lingua estigmatizada con algúns daqueles marcadores negativos xa históricos, non superados senón máis ben acrecentados nestes últimos anos.

Ao se instalar en Vigo, Gaia é identificada como de monte por non renunciar á súa fala inicial e habitual até daquela. O contorno preséntase hostil e escoller a opción preferente galego obriga a responder interrogantes incómodos que trazan a cartografía sociolingüística do noso país:

A primeira [decisión] e aparentemente obvia foi escoller galego como primeira lingua. O contrario sería irracional, mais houbo xente galegofalante que o fixo, ella non entende por que. Na súa clase admírana polo seu galego pechado, a maioría tivo que aprender o galego “despois” ou só fala galego cando están coa xente de clase.

Nesta paisaxe urbana na que as crianzas falaban castelán exclusivo e os vellos dentro de pouco tamén, Gaia afíncase aínda máis na autenticidade irrenunciábel das raíces para defender activamente a biodiversidade porque entendía a súa vida como unha función ecolóxica, o que se constata na conversa con aquel mozo neofalante que, estrañado de se atopar cunha paleofalante como Gaia, decidira ese ano falar sempre en galego, convencido polo encontro co escritor Sechu Sende e a lectura do Made in Galiza, ademais da profesora de inglés que sempre está dicindo barbaridades e que o galego se impón e non sei que.

Moitas son as vetas que medran ao redor desta árbore alimentada con raíces férreas metaforizada en Gaia, onde a lingua de noso ten o seu humus propio alimentador para a construción individual e colectiva.

 


 

 



 

Revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) en Santiago de Compostela
ISSN 2255-0976