Videoconferencias 2013



 

Introdución


Con motivo da celebración do IV Día da Ciencia en Galego o vindeiro martes 12 de novembro, a Coordinadora Galega de ENDL convida a todos os centros educativos non universitarios a participar en dúas videoconferencias vía web, na que destacados investigadores galegos da Universidade de Santiago de Compostela achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, os centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat a través dunha sala virtual de fácil manexo.

 


 



 
  VIDEOCONFERENCIA PARA SECUNDARIA

  VIDEOCONFERENCIA PARA PRIMARIA

 
 

Título: Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol.

Relator: Jorge Mira Perez. Doutor en Física e Catedrático da Área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. A súa actividade investigadora está centrada no estudo do magnetismo en sólidos e a nanotecnoloxía, e tamén no estudo de sistemas de falantes con idiomas en competición. Publicou numerosos traballos especializados en publicacións de prestixio e desenvolve un importante labor divulgador en libros, nos medios de comunicación ou do programa "ConCiencia" (USC), do que é responsable. 
Páxina web: 
http://www.usc.es/fagms/Mira/jorge.htm

Sinopse: Poucas etapas da historia amosaron un talento tan brillante como a da Grecia clásica. Contaremos como fixeron eses gregos para sabe-lo tamaño do mundo que habitamos e calcula-la distancia á lúa e o sol e os seus tamaños, usando tan só o bo hábito de observar con coidado o que nos rodea.

Destinatarios: Tema acaído para alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato.

Data e hora: martes 12 de novembro entre as 12:30h e as 13:30h.


Biografía de Jorge Mira
IES Universidade Laboral (Culleredo)


As matemáticas da supervivencia do galego
Actividade de achegamento a Jorge Mira
EDLG do IES de palas de Rei


Presentacións sobre o sistema solar e o resto do universo
Alumnado de CMC de 1º de Bac do IES taboada Chivite de Verín

 
Descarga aquí a conferencia - pdf

Título: Benqueridos insectos.

Relatora: Marilar Aleixandre. Doutora en Bioloxía. Catedrática de Ciencias Naturais de Ensino Medio. Catedrática de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela. Autora dunha extensa e premiada obra narrativa e poética.  
Páxina web: 
http://www.marilar.org/

Sinopse: Benquerida abelliña, sen ti as maceiras non darían froito; benqueridos escaravellos, que volvedes á terra os restos do que foron seres vivos; e a cascarrubia que coida das roseiras, e a colonia das cen mil formigas falando cunha soa voz. Ás veces comémosvos, pois tamén comemos o que amamos.

Destinatarios: alumnado de 3º ciclo (5º e 6º) de Primaria.

Data e hora: martes 12 de novembro entre as 10:30h e as 11:30h.

 
 

NECESIDADES TÉCNICAS DOS CENTROS

Ordenador con conexión a internet (recomendado con cabo, non con wifi) e altofalantes, canón proxector e pantalla e software: Flash Media Player.

INSCRICIÓN

Por motivos organizativos, os centros interesados (ata un máximo de 100) deben enviar un correo a correo@coordinadoraendl.org indicando os seguintes datos: nome do centro, departamentos/docentes implicados, niveis educativos en que se vai desenvolver a actividade, Nº de alumnos/as implicados/as, profesor/a de contacto (tamén correo), e Observacións (dúbidas, suxestións, etc.).
Posteriormente recibirán un correo no que se lles informará do enderezo URL da Sala Virtual e se lles dará as instrucións pertinentes.